“Seguiremos mobilizándonos contra un reparto prexudicial para Galiza. No cerco non existe a palabra renderse”

O sector cerqueiro galego (153 barcos e 1.200 tripulantes) leva meses de mobilizacións e protestos contra un reparto de cotas de pesca feito polo Estado español e que, afirman, é lesivo para a frota galega. Falamos con Andrés García, un dos voceiros do colectivo.

cerco

Esta segunda feira un grupo de armadores e mariñeiros do sector cerqueiro galego concentráronse en Vigo coincidindo coa inauguración de Conxemar (feira internacional de produtos do mar) para denunciar a situación do cerco. Máis un protesto a engadir aos que o cerco leva realizando desde hai meses: concentracións, manifestacións, amarres de frota... Non son mobilizacións coa contundencia das que aconteceron en 2014 en Compostela, con barricadas e confrontos cos anti-disturbios, mais todos recoñecen que a xente está moi queimada.

Andrés García é un dos voceiros deste sector, que na Galiza representa 154 barcos e máis de 1.200 tripulantes. “En sitios como Portosín, se lle quitas o cerco, que é a única industria que hai, é unha hecatombe”, afirma, incidindo na importancia desta arte en varias vilas costeiras: Sada, Malpica...

Reparto desde Madrid que “prexudica Galiza”

García é claro: “Estas protestas son contra un reparto inxusto das cotas de xarda, xurelo e bocareu para a frota galega e para que haxa un reparto xusto que non marxine a nosa frota”. Salienta este armador que malia ter a frota máis importante en barcos e mariñeiros, Galiza “sae prexudicada” no reparto feito desde o Estado español. E explícao: “No bocareu, na zona IXa, que vai de Corrubedo até o Estreito de Cádiz, aos barcos galegos correspóndenos pescar o 1,16% e aos andaluces, o 98,8%”. Desde a Secretaría Xeral de Pesca estatal, engade, “prometérannos como compromiso que se aparecía bocare nas costas galegas habilitariase para collela, e nada, haina, mais non nos permiten pescala”.

Fala García dunhas cotas de xurelo e xarda “ridículas” que apenas compensan saír ao mar. Lembra como até o 2013 a frota galega, “e a do Cantábrico” podía pescar sen problemas cos topes existentes até entón: 10.000 quilos de xarda por barco e día, 6.000 de xurelo... “Pero entón decidiron cambiar e desde Madrid fixeron outro plan e outro reparto”.

“A Xunta? Nada, nin nos fai caso”

Lamenta o escaso apoio da Xunta e das administracións a un sector con peso e importancia no mar galego. “A Xunta? Nada, nin nos fai caso”. Desbota o abatemento e advirte que o sector “vai serguir mobilizándose. No cerco non coñecemos a palabra renderse, non nos imos render”. A xente do sector está “desesperada” recoñece, “porque agora estamos mal pero o futuro non se presenta mellor”. Insiste no impacto que tería en varias comarcas do país a fin do cerco: “Estamos falando de case cen familias en Sada, de máis de 120 en Malpica, en Portosín sería unha hecatombe...”. Por iso seguirán as mobilizacións.

Comentarios