LABORAL

Seguimento unánime da folga do sector do lixo na comarca da Coruña

Un incendio nas instalacións da planta de Nostián causou importantes danos dos que se desmarcou o comité de empresa, que destacou a numerosa participación na manifestación en contra dos despedimentos de Albada e a reforma laboral.

Todo o sector do lixo da comarca da Coruña secundou de forma unánime -non acudiu ninguén a traballar fóra dos servizos mínimos- a folga convocada en solidariedade co persoal de Albada na planta de Nostián, que suma un mes de greve, e tamén en contra da reforma laboral, que segundo os sindicatos “agrava a precariedade” que existe no sector.

Preto dun milleiro de persoas acudiron á manifestación convocada polo centro da cidade, na que se denunciou de forma especial a “fraude” que segundo as centrais sindicais se está a cometer coa cidadanía posto que “Albada non recicla coa colaboración do concello”. Tamén houbo fortes palabras contra Florentino Pérez, o empresario dono de Urbaser, o grupo ao que pertence Albada, empresa que malia as negociacións segue a impoñer unha rebaixa de soldo d@s traballador@s dun 25 por cento así como ao despedimento de once deles, que participaron na protesta.

A folga estivo marcada tamén por algúns posíbeis actos de sabotaxe, cualificados desde o concello como “guerrillas” e dos que se desmarcou completamente o comité de empresa de Nostián, onde se produciu un importante incendio con varios focos na mesma noite na que estaba convocada a folga. Segundo o goberno local, o lume provocou danos materiais -non os houbo persoais- por valor de 600.000 euros. As lapas alcanzaron os 15 metros de altura. Tamén arderon contedores pola cidade e a policía nacional identificou a dúas persoas.

Comentarios