O sector servizos facturou en novembro 27,9% máis que no mesmo mes de 2020

A ocupación no sector subiu 2,5% en novembro de 2021 a respecto do mesmo período de 2020.
Consumición na barra dun bar coruñés, no día en que se permitiu acceder a este espazo. (Foto: M. Dylan / Europa Press) #bar #restricións #hostalaría #comitéclínico
photo_camera Consumición na barra dun bar coruñés. (Foto: M. Dylan/Europa Press).

Segundo os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o sector servizos experimentou en novembro de 2021 unha considerábel mellora a respecto do mesmo período do ano anterior no que atinxe á cifra de negocios.

Así se desprende do Índice de Actividade do Sector Servizos (IASS), que sitúa a taxa de variación anual na Galiza en 27,9%, fronte a 24,3% de media a nivel estatal.

Canarias (+40,8%), Asturies (+31,6%) e Balears (+31,3%) rexistran maiores incrementos. Ningún territorio sufriu unha caída neste indicador en novembro pasado.

Deste modo, o crecemento medio do sector en 2021 é de 16,5% a respecto do ano no que irrompeu a pandemia da Covid-19, fronte a 15,5% no conxunto do Estado.

A recuperación de emprego, a ritmo lento

No que atinxe á creación de emprego, porén, o crecemento é moito menor. Así, a taxa interanual da Galiza rexistrou en novembro unha repunta de 2,5%.

Todos os territorios do Estado medran no indicador do emprego, malia que a Galiza é o segundo que o fai a un ritmo máis lento, superando só Castela e León (+1,6%), e moi lonxe de Balears (+12,2%), Canarias (+5%) e Nafarroa (+5%), que lideran esta táboa.

A taxa media de crecemento do emprego en 2021 é de 1,1% na Galiza tomando como referencia 2020, mentres a nivel estatal é de 0,9%.

Comentarios