O sector pesqueiro galego amósase "razoabelmente satisfeito" coas cotas

Após 21 horas de negociación, os ministros de Pesca da Unión Europea acadaron esta cuarta feira un acordo para a repartición das posibilidades de pesca no Atlántico e no mar do Norte para 2020 que difiren sensibelmente das recomendacións da Comisión Europea, que de cumprírense, como alertaban desde o cerco galego, “suporían a desaparición do sector”. 
Mar pesca barco Mikel arrazola
photo_camera M. Arrazola

Finalmente, tras unha longa xornada de negociacións entre delegacións nacionais e co Executivo comunitario, os ministros do ramo acordaron recortes de 5,5% para as capturas de pescada en augas ibéricas (moi lonxe de 20% que propuña Bruxelas), un incremento de 24,3% para o xurelo pescado ao sur de Fisterra e no Golfo de Cádiz (a Comisión pedía recortala 50%), de 24% para o gallo do Cantábrico e de 3% para o lirio, entre outros. 

Desde a Asociación de Armadores de Cerco da Galiza, Andrés García, o seu portavoz, asegura a Nós Diario que na frota están “razoablemente satisfeitos” co resultado das negociacións, en especial co aumento de cota de 40% na xarda. Como recoñece, o panorama que pintaban as propostas da Comisión “non era nada alentador”. A única lectura negativa vén da baixada de 40,7% no xurelo do Cantábrico, aínda que valora o feito de que se poida compensar con capturas noutras zonas nas que aumentan as cotas desta especie. 

Pola súa banda, Torcuato Teixeira, presidente de Pescagalicia-Arpega, tamén atopa “máis luces que sombras” nos resultados da negociación. “A redución é moi mala noticia para o xurelo, aínda co mecanismo de compensación, pero o incremento da xarda é moi importante”. Respecto ao feche da pesqueira da cigala, que cualifica de “kafkiano e sanguento”, albisca esperanzas coa revisión proposta por Bruxelas. “Agora estamos a tirar o recurso pola borda por non ter establecido un total admisíbel de capturas”, lamenta. Por iso pide a institucións como o Instituto Español de Oceanografía que se poñan a traballar xa nas análises científicas para poder reabrila “o antes posíbel”. 

Aumentan os límites para pescada, xarda e gallo e revisarase o feche da pesqueira de cigala

Nas negociacións de Bruxelas, xunto ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, estivo tamén presente a conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen celebrou que “ao final” se lograron “moi boas cousa” para a frota galega na negociación. “Mantivemos o barco á boia a partir dunha postura inicial de tiro á liña de flotación”, salientou a conselleira, que regresa da capital europea coa misión cumprida de "manter o equilibrio social, económico e ambiental" do sector pesqueiro na Galiza.

Máis xurelo

Na súa opinión, á vista dos resultados, é “lóxico” que aumenten as posibilidades de pesca do xurelo ao sur de Fisterra, tal e como “dicían os científicos”, e non aplicar unha política de recorte que rebaixaba as capturas 48%. Porén, respecto ao do Cantábrico, indica que “non está ben”, polo que son “consecuentes” co recorte de 41% finalmente pactado, unha valoración que non comparten desde Acerga, que cren que o rendemento máximo sostíbel permitiría deixar a baixada en 10%. Con todo, Quintana considera unha “moi boa noticia” que se conseguise unha flexibilidade de 80% para poder traer xurelo de outras zonas de pesca, como por exemplo Francia.

No tocante á pescada, a conselleira cre que a baixada de 5,5% “non é mal resultado para a situación da que se partía” (24%). Con todo, recoñece “a deficiencia” nos resultados da pescada do Gran Sol, cunha diminución de 20,6%, dado o seu “impacto” na Galiza, pero recoñece que “non se puido conseguir” máis cos datos cos que contaban.

Por último, no que atinxe á pesqueira do lagostino no Cantábrico, que inicialmente seguirá fechada en 2020 sumando así catro anos consecutivos de veda, Rosa Quintana confía en que “poidamos ter boas novas tamén, xa que valoraron moi positivamente os datos que lle achegaron desde o Consello Galego de Pesca”.

Comentarios