O sector ovino e caprino autóctono medra malia a falta de base territorial

As asociacións das razas autóctonas detectan un incremento nas cabanas como consecuencia da continuidade xeracional e a incorporación de persoas que apostan polo rural.  Demandan matadoiros móbiles para a comercialización e o acceso a terras para aproveitar esa tendencia.
Exemplares de cabras galegas autóctonas cos que traballa a asociación de Gandeiros da raza Cabra Galega (Capriga).
photo_camera Exemplares de cabras galegas autóctonas cos que traballa a asociación de Gandeiros da raza Cabra Galega (Foto: Capriga).

Dúas das razas autóctonas galegas que están a ter máis saída nos últimos anos son as de ovella e cabra. A súa protección e promoción están a cargo da Asociación de Criadoras e Criadores da raza Ovella Galega (Asovega) e da Asociación de Gandeiros da raza Cabra Galega (Capriga), ambas amparadas pola Federación de Razas autóctonas da Galiza (Boaga). A recuperación da ovella comezou en 2000, cando quedaban poucos exemplares, para logo iniciar o restabelecemento da cabra anos despois. 

Na actualidade a cabana das primeiras supera as 4.500 cabezas e da segunda as 1.000. "Estamos en fase de expansión coa incorporación de moita xente nova, algo que é moi importante", asegura a responsábel veterinaria de Asovega, Silvia Adán, "non hai que esquecer que tamén están en perigo de extinción as gandeiras e os gandeiros", engade a Nós Diario

Novas incorporacións

A vía de entrada neste tipo de explotacións gandeiras realízase por relevo xeracional ao continuar coa cabana familiar e tamén hai un novo interese por volver ao rural. "Hai casos de novas incorporacións por ter terras e querer montar gandarías", explica Adán. As propias asociacións contan cunha listaxe de criadoras e criadores para que poidan adquirir animais da raza, co seu libro xenealóxico e control de consanguinidade, ademais de asesorar no que se precise para comezar. As mesmas organizacións axudan ao fomento e promoción a través de feiras e eventos que organizan directamente ou asisten como convidadas.  

Dificultades de acceso ás terras

"O principal problema que temos, como acontece noutro tipo de gandarías, é a base territorial, fanse moitos mecanismos mais seguimos sen poder acceder a terras, malia haber moitas", sinala esta técnica. A particularidade deste tipo de explotacións é que todas traballan en extensivo. Para abaratar custos e aproveitar os recursos naturais precisan de grandes extensións. No caso das ovellas e as cabras a media, segundo o estado do monte, é de contar con 1 hectárea para cada 10 animais. "Con ese tamaño minimizas engadir herba seca e algo de cereal en determinadas épocas do ano", indica Adán. 

A comercialización depende dos matadoiros

A diferenza doutros sectores gandeiros, os custos de produción non son elevados mais dependen, ao final do proceso, da situación xeográfica dos matadoiros, que encarece a súa comercialización. "Os encargos son menores, non piden 50, piden un ou dous animais, polo que ter que transportalos até o lugar onde se obtén a carne para o consumo é o que fai que se incremente o prezo para vendelo", apunta esta técnica. 

Unha das solucións viría co aumento de matadoiros móbiles con algunha experiencia piloto en marcha. As asociacións empregan as xornadas gastronómicas como saída máis viábel para estas explotacións estacionais. "Tampouco temos un número tan importante de cabezas como para abastecer o país todo o ano e con estes eventos benefícianse as explotacións e a propia hostalaría", conclúe Adán.

A presenza das cabanas é superior na Galiza oriental

O aproveitamento do monte galego a través da incorporación de ovellas e cabras autóctonas pode ser unha saída económica. Na actualidade a maior parte da cabana galega figura nas comarcas de montaña de Lugo e Ourense ademais das situadas na zona oriental das comarcas da Coruña. Nos últimos anos xurdiron algunhas novas tamén na zona da costa atlántica ligadas, na súa maior parte, aos montes comunais.

Segundo Asovega e Capriga, na actualidade contabilizan un total de 225 granxas. O valor engadido destas explotacións gandeiras vén dado pola propia alimentación dos animais que rozan os montes e facilitan a prevención de incendios. Ademais, axudan a manter vivo un rural nas zonas onde máis se notou o despoboamento, como son as altas zonas de montaña.     

Comentarios