O sector marisqueiro da ría de Arousa propón a venda directa da vieira

Varias entidades entenden que diminuíu a incidencia da toxina amnésica sobre a vieira polo que demandan poder comercializala directamente.
Transportando vieira (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Transportando vieira (Foto: Xunta da Galiza)

A Confraría de Rianxo, a Asociación Galega de Empresas Depuradoras de Moluscos (Agade), a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos–Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos da Pesca (Anfaco-Cecopesca) e a Asociación Galega de Comercializadores de Mariscos (Agacomar) entenden que sería posíbel a extracción de vieira na ría de Arousa para a súa comercialización directa, tanto en fresco como transformada. 

Estes organismos e asociacións chegaron a esta conclusión nunha recente reunión após comprobar, segundo explicaron onte nun comunicado, que “ao longo dos últimos anos a incidencia da toxina amnésica sobre a vieira sufriu unha moi notábel diminución, segundo datos extraídos polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño da Galiza”. 

Extracción e comercialización

Con estes datos, aseguran que “boa parte dos bancos de vieira da ría de Arousa presentan niveis inferiores ao límite legalmente estabelecido a nivel europeo” polo que “poderían permitir a extracción para a súa comercialización en vivo tal e como veñen facendo outros países como Francia ou Escocia”. 

Por este motivo, as entidades coincidiron en que “diante dunhas condicións que garanten a preservación da seguridade alimentaria, debe revisarse e permitirse a extracción, a fin de aumentar o volume dispoñíbel para o mercado”, unha medida que tería “un consecuente impacto socioeconómico para a rexión, diante dun produto demandado e mesmo símbolo de identidade galega”.

No mesmo comunicado, anuncian que solicitarán á Consellaría do Mar que inicie a avaliación da situación actual para a extracción e comercialización directa “por parte da frota que o demande”.

Comentarios