O sector lácteo quenta motores para tractoradas comarcais contra a súa asfixia

A Plataforma inicia no Xallas unha rolda de xuntanzas para as mobilizacións. @s gandeir@s deberán pagar 10,5 millóns de euros por superar a produción asignada na anteriorcampaña.

Folga do leite

A situación do sector lácteo galego leva tempo en estado de “asfixia”, como o definira Xosé L. Rivera 'Mini', alcalde de Boimorto. Mais agora estanse a dar pasos para reaxir de forma constante e contundente. Após a masiva mobilización do 17 de xullo en Compostela, con máis de 15.000 persoas a exixir unha solución, a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo ten previstas novas mobilizacións e protestas. A situación nas granxas segue a ser “intolerábel” e as propostas feitas desde a administración son insuficientes e ineficaces, consideran os sindicatos.

Esta segunda feira na comarca do Xallas houbo unha ampla xuntanza de representantes de concellos, organizacións sindicais, sector, comercio... para tratar das próximas mobilizacións. O 1 de agosto Santa Comba acollerá unha tratorada, que irá acompañada dun encerramento solidario en comercios e locais. Unha dinámica esta que ao longo de agosto se quere ir transladando nas diferentes comarcas leiteiras.

O 1 de agosto Santa Comba acollerá unha tratorada, que irá acompañada dun encerramento solidario en comercios e locais

O leite estase a pagar a milleiros de explotacións galegas por baixo dos custos de produción, non se recolle o leite en centos delas... son dúas das expresións máis graves da crise que atravesa o sector e perante a cal o rural galego está a dar un paso adiante para exixir solución da mesma.

Desde AGE pediuse esta segunda feira a demisión da conselleira de Medio-Rural, Rosa Quintana, por ser incapaz de dar solución ao problema e pola súa “falla de sensibilidade” perante unha crise tan grave. “Non ten ningún modelo para o rural galego”, sostivo o deputado Ramón Vázquez, que recriminou a Núñez Feijóo quee stivera máis preocupado por criticar o alcalde de Compostela por non ir á Catedral que polo futuro das milleiros de explotacións galegas.

Por outra parte, Bruxelas impuxo unha multa de 10,5 millóns de euros por superar en 37.500 toneladas a produción asignada na campaña anterior, unha sanción que deberán pagar perto de 140 gandeir@s en todo o Estado.

Comentarios