Protesta nacional en Compostela

O sector hostaleiro a Feixoo e Sánchez: "Se rescatastes o banqueiro, rescatade agora o hostaleiro"

Varios centos de hostaleiros e hostaleiras, chegados de diferentes puntos da xeografía galega, escenificaron esta sexta feira ante a sede da Xunta da Galiza en Compostela o enterro do sector para reclamar un "rescate xa" dada crise que padecen derivada da pandemia.

hos
photo_camera Protesta da hostalaría na mañá desta sexta feira en Compostela (Imaxe: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Logo de percorreren en manifestación as rúas de Compostela, hostaleiros e hostaleiras colocaron un cadaleito e coroas de flores na porta principal do edificio administrativo de San Caetano, cunha mensaxe en que se podía ler: 'Dona hostalaría, matárona en España o 15 de marzo de 2020'.

Alí atopábase unha persoa caracterizada de 'morte' mentres varios hostaleiros se introducían en sacos negros a modo de sepultura co nome dos seus locais. Tamén puxeron un cartel coas fotos de Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez coa lema: 'Se rescataches o banqueiro, rescata agora o hostaleiro'.

Todo iso, mentres se gritaron consignas como: 'Se nos fechas, páganos'; 'Indemnizacións xa'; 'Rescate xa, non somos os culpábeis, deixádenos traballar'.

Lois López, da Asociación Hostalaría Compostela e un dos portavoces da recentemente creada Plataforma en Defensa da Hostalaría Galega, lamentou que están "ao límite da quebra económica” e instou a Xunta a que lidere as medidas de rescate do sector.

Remarcou que "o sector necesita unha solución máis ampla e máis global que unhas indemnizacións puntuais e concretas, iso serve para non liquidar nun momento as empresas, pero non serve nin sequera a medio prazo". "Non é a culpábel a hostalaría, demóstrase que as restricións na hostalaría non dobregan a curva", afirmou López.

“Estamos a morrer”

Durante o acto leuse un manifesto que denunciou que son empresas "ás que non deixan traballar" e demandaron aos gobernantes "solucións reais". "Non necesitamos axudas, necesitamos indemnizacións, necesitamos un rescate xa", apuntaron.

"A vosa xestión está a acabar connosco", afirmaron os participantes

"A vosa xestión está a acabar connosco", denunciaron, “somos empresas intervidas por vós". Dirixíronse aos líderes dos Gobernos galego e estatal para lles dicir que "teñen a obriga moral de resolver esta situación". "Non vos podedes permitir levantar dunha mesa de negociación sen chegar a acordos", avisaron.

"É a hora da xestión e estádesnos fallando. Míranos, estamos a morrer!", clamaron entre aplausos e sons de bucinas.

"Algúns hostaleiros recibiron só 1.200 euros"

Tamén tomaron parte na protesta os 11 hostaleiros de Pontevedra, Marín e Poio que en decembro camiñaron desde Pontevedra a Madrid para protestaren pola súa situación. Hoxe concluíron a peregrinación até Compostela, onde Rafael Rúa, membro da directiva de Hoempo -hostaleiros de Pontevedra, Poio e Marín- pediu un rescate porque "as axudas que están encima da mesa non valen para nada".

Algúns hostaleiros, sinalou, recibiron só 1.200 euros despois de case un ano fechados. Todo iso, mentres teñen que seguir pagando diferentes impostos, unido a que o cesamento de actividade para autónomos "é unha vergoña", de só 337 euros cos que "non se pode subsistir". O modelo polo que avoga é o que se produce en Alemaña, onde o Estado sufraga o 70% das perdas.

Continúa hoxe a reunión

Esta sexta pola tarde continuarán en Compostela as negociacións entre as administracións para tentar pactar un fondo común de rescate á hostalaría fronte á crise da Covid.

As contías que poña cada entidade e quen xestionará eses recursos son os dous principais puntos de desencontro entre a Administración local e a Xunta da Galiza.

Comentarios