O sector gandeiro cuestiona o modelo 'farm to fork' proposto por Bruxelas

Un informe da Comisión Europea sobre a estratexia 'Farm to fork' para promover os circuítos curtos de comercialización eleva a preocupación das explotacións de carne de vacún galegas polo modelo que pretende apoiar Bruxelas, a quen acusan de non ser  coherente coas políticas impulsadas nos últimos anos.
Vacas pastando nos Ancares (Imaxe: A Carqueixa).
photo_camera Vacas pastando nos Ancares (Foto: A Carqueixa).

A Comisión Europea vén de presentar un informe sobre o impacto que tería nas explotacións de vacún de carne a estratexia 'Farm to Fork' (da granxa á mesa), coa que pretende fomentar o consumo de proximidade e reducir os intermediarios na comercialización destes produtos.

O informe, agardado polo sector, publícase "sen anuncio previo e en pleno agosto", como denuncian as produtoras de carne de vacún, e anticipa unha "redución drástica" do uso de insumos en agricultura e gandería, fai prever unha redución "sen precedentes" tanto da capacidade de produción da UE, como dos ingresos de agricultores e gandeiros europeos.

De feito, do documento elaborado polo Joint Research Center europeo despréndese que a redución das emisións agrícolas en Europa podería chegar ao 28,4% grazas á aplicación do conxunto de estratexias previstas pola Comisión Europea. Este feito, que sería consecuencia da perda de produción agrícola, tería como grave contrapartida os aumentos de emisións nos terceiros países para compensar esta baixada de produtividade europea.

Impacto negativo

As conclusións deste informe non fan máis que confirmar as malas predicións da maioría dos estudos xa realizados sobre este asunto. Así, xunto a unha caída da produción de entre 5 e 15%, a análise de Bruxellas advirte dun incremento medio dos custos de produción de ao redor de 10%, con impacto directo nas rendas de agricultores e gandeiros

A carne de vacún, apunta, aumentaría dun 14% a un 24% de prezo pola redución da cabana, mentres que as importacións non compensarían a caída de oferta da Unión Europea, estimada en 16%.

Os produtores de vacún de carne confían en que o documento sexa empregado como unha base sólida para reflexionar e debater coa Administración sobre se a dirección tomada é a correcta, xa que consideran que a "soberanía alimentaria está en perigo".

Promoción de calidade

Como comenta a Nós Diario o responsábel de Servizos Gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, o sector "precisa doutras cuestións, como a promoción da carne de calidade, que non se está a facer". "Se queren apoiar os circuítos curtos de comercialización, nós encantados, pero as últimas normativas que se fixeron foron contrarias a iso", apunta Somoza.

Segundo denuncia, "nos últimos tempos houbo un gran proceso de reindustrialización e moita concentración do que é a distribución nas grandes áreas, lonxe de fomentar o que é a venda directa". 

"Os canais curtos de comercialización parécennos ben, non estamos en contra diso. Pero o que vemos detrás deste tema é a idea de seguirlle dando leña ao sector para favorecer outros métodos de produción que non teñen nada que ver coa carne animal", sinala o responsábel da Fruga.

Na súa opinión, selos de indicación xeográfica como o de Tenreira Galega deben "moverse, actualizarse e seguir a promover o consumo desa carne, porque van ter un problema de competencia cos moitos selos de garantía que se están a dar por todo o Estado español", advirte.

Nesa liña, para favorecer a carne de calidade, Somoza ve fundamental o aproveitamento do terreo para as producións. "A carne galega precisaba unha política de abaratamento de custos que se podería facer con outra ordenación territorial". 

Políticas coherentes

Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG) considera "moi pouco coherente" que Bruxelas aposte nunha estratexia por un modelo máis sostíbel e, ao mesmo tempo, siga a negociar acordos con Australia, Chile ou Nova Zelandia fomentando o modelo que máis emisións xera.  "Se quere ser críbel, debería deixar de lado esa estratexia de fomentar os intercambios quilométricos, tanto de exportacións como de importacións", suxire Vilalba.

Para a responsábel do SLG, o modelo galego, maioritariamente en base a pastos, dá mostras de que se pode producir carne con altos estándares e, ao mesmo tempo, coidar do medio ambiente e procurar alimentos saudábeis. De feito, cita o "paradoxo" de que na Galiza hai produción cárnica en ecolóxico que se vende como convencional porque non se valora no mercado, e que "con cambios mínimos", moita da extensiva podería certificar en ecolóxico.

 "Teñen que deixar de pór dificultades a estes modelos e non autorizar máis macrofactorías, ás que apoian con cartos públicos. Hai que ir cara a produción máis local e sostíbel, pero hai que ser coherente", conclúe.

Comentarios