sábado 25.01.2020

O sector eólico deixa de lado as repotenciacións

En 2020, unha vintena dos 160 parques en operación na Galiza superarán os 15 anos de actividade. As empresas teñen a posibilidade substituír os equipos por outros máis modernos e reducir de forma salientable o número de postes que coroan os cumios galegos.
Parque eólico de Cabo Vilano. (Natrugy)
Parque eólico de Cabo Vilano. (Natrugy)

Galiza transita cara un modelo enerxético no que as fontes de xeración renovábeis teñan cada vez maior relevancia. Nesa transición, a eólica está chamada a recuperar o liderado no sector. En 2019, serán 480 os novos megavatios (MW) eólicos que se sumarán á rede, unha vez se poñan en servizo a vintena de parques que ultiman a súa construción.

Polo momento, as empresas prefiren apostar por levantar novos parques antes que repotenciar os xa existentes. En 2020, a metade dos parques eólicos galegos superará os 15 anos de vida, o que segundo a Asociación Eólica da Galiza (EGA) sitúaos como candidatos a unha actuación para incrementar a súa potencia reducindo o número de aeroxeradores e, conseguintemente, o seu impacto na paisaxe galega. O investimento nas repotenciacións pode supor 75% dos custos de levantar un parque desde cero, un feito que pode condicionar as políticas das firmas enerxéticas.

Naturgy foi a primeira en iniciar este camiño. No ano 2016, o parque eólico de Cabo Vilán pasou de 22 aeroxeradores, que sumaban unha potencia instalada de 3,9MW, a tan só dous de 3MW cada un. O investimento nesta actuación ascendeu a 7,6 millóns de euros. Segundo recoñecen fontes da compañía "estanse a estudar", Naturgy non ten en marcha nin en proxecto ningunha repotenciación máis, segundo confirmou a Nós Diario, pero sí a construción de novos parques eólicos que suman unha potencia de 200 MW.

EDP Renovábeis, outra das grandes firmas enerxéticas con importante presencia no sector na Galiza, tamén apostou nas repotenciacións. Neste caso, os parques de Zas (18MW) e Corme (23MW) pasarán de 80 turbinas a 10. Endesa tampouco ten proxectos neste eido para Galiza, pero ven de ampliar a potencia dun dos seus parques, o de Pena Ventosa, a costa de incrementar o número de postes. 

Os cálculos de EGA sinalan que de acometerse a repotenciación nos parques eólicos máis vellos, que suman 433 MW de potencia repartidos en 849 aeroxeradores, poderíase eliminar en torno a 40% dos muíños existentes nos máis de 160 parques eólicos galegos en explotación. Ao mesmo tempo, ampliaríase a potencia instalada e a capacidade de xeración entre 30 e 40%, e pasaría de operar 2.200 horas anuais até acadar as 4.000 cos muíños de nova xeración.

Perden os concellos

Con estas operacións, gañan as empresas, que ven incrementada a súa capacidade de produción, e tamén a paisaxe, xa que o impacto dos novos equipos, aínda que máis grandes, é moito menor cando se reduce o seu número. Pola contra, os concellos nos que se asentan os parques saen perdendo, posto que cobran do canon eólico por cada poste instalado. Eses cartos pasan das empresas á Xunta, que é quen os xestiona. Só una parte chega finalmente aos concellos en forma de investimento, aproximadamente 22%. Do que si se benefician os concellos é do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) e do Imposto de Actividades Económicas. 

O presidente de EGA, Xosé Manuel Pazo cre que para facilitar as repotenciacións as Administracións tamén teñen que poñer da súa parte. Nesta liña, a patronal reclama "axudas fiscais e axilidade na tramitación administrativa". Como indica Pazo, "a tecnoloxía vai moi rápido e pronto haberá no mercado turbinas de 5,6MW de potencia". 

 A burocracia no caso das repotenciacións en principio non debería ser complexa. No caso de que o cambio dos muíños non supoña un aumento da potencia instalada de máis de 10%, pódese tramitar como unha modificación de proxecto. O problema é que na maioría dos casos as empresas aproveitan para incrementar a capacidade dos parques por riba desa cantidade para facer máis rendíbel a operación, o que provoca que se teña que tramitar como se fora un proxecto novo cunha autorización diferente á orixinal. 

Unha segunda vida

Pese o alto custo que poden ter as repotenciacións para as empresas, hai que ter en conta os aforros xa mencionados do canon eólico, nos gastos de mantemento, á parte do incremento dos ingresos por xeración. Pero estes non son os únicos beneficios, senón que os vellos equipos tamén xeran ingresos para as compañías coa sua venda a terceiros. Os muíños teñen así unha segunda vida, en moitos casos en países de América Latina, que ven no desmantelamento dos vellos parques galegos unha oportunidade para incrementar a súa capacidade de xeración a partir de fontes renovábeis cun menor investimento na compra de equipos, x que os vellos son moito máis accesíbeis.

O sector eólico, que representa 55% da xeración renovábel na Galiza, aspira a recuperar o terreo perdido nos últimos anos. Para iso, conta con manter o ritmo de incremento de potencia a razón de 500 novos megavatios cada ano. Este ano os 480 novos megavatios eólicos serán todos de novos parques, pero as repotenciacións están chamadas a cobrar máis protagonismo nos sucesivos exercicios. 

comentarios