domingo 07.06.2020

O sector do metal baixa a súa actividade a menos de 20% e asegura que a reactivación será “complexa”

A patronal asegura que aplica as medidas do Goberno español e di que será “un golpe tremendo” que precisará “o esforzo de todas e todos”.

Reunión da patronal Asime en Ferrol antes das medidas adoptadas polo Goberno español (Europa Press)
Reunión da patronal Asime en Ferrol antes das medidas adoptadas polo Goberno español (Europa Press)

A industria do metal galego, que emprega a máis de 67.000 persoas, está a aplicar xa, segundo informan desde a a Asociación de Industriais Metalúrxicos da Galiza (Asime) as últimas medidas ditadas polo Goberno español.

A raíz da Real Decreto Lei aprobado esta pasada fin de semana que obriga a parar toda aquela actividade que non sexa considerada un servizo esencial, tivo como consecuencia nas industrias metalúrxicas galegas a redución da súa actividade en 80%.

Enrique Mallón, secretario xeral de Asime, asegura que “desde toda a industria do sector metal galego estamos comprometidos coa loita contra o coronavirus, mais precísase máis previsión e claridade na adopción deste tipo de medidas”.

Desde Asime informan que só continúan a súa actividade aquelas  industrias vinculadas estreitamente coa produción e xeración dos servizos esenciais ou básicos, como poden ser servizos de mantemento, fabricación de maquinaria especial ou subministracións de materias crave, todos ligados a actividades como a enerxía, a auga ou a alimentación nos que o sector metal ten un rol crave.

Ampliación a outro tipo de actividades

Mallón asegura que “se poderían permitir algunhas outras actividades que si entendemos interesantes e estratéxicas para o funcionamento dun país, como poden ser a defensa ou a industria aeronáutica”. Tamén cre que debería contarse con outras “nas que a paralización produce máis prexuízos que beneficios”.

Sobre este tema sinala que “desde a industria fíxose un esforzo titánico durante todas estas semanas no ámbito da seguridade e saúde dos traballadores, con medidas e protocolos moi esixentes e rigorosos, mesmo máis aló do marcado polas autoridades”. Esta actuación procuraba, segundo Asime, “que isto permitiría seguir operando con garantías noutras actividades, pero desafortunadamente non foi así”.

Reactivación económica ”complexa”

Asime pide “máis antelación na adopción de medidas deste tipo” e tamén “máis nitidez nas disposicións, que levan en moitos casos a ambigüidades e dificultades para as empresas”. O seu secretario xeral afirma que “vai ser sen dúbida un golpe tremendo para o sector metal galego, que representa 20% do Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza

A patronal galega do metal agarda que 2020 “non sexa un ano de recesión” mais asegura que “a reactivación económica que se prevé agora” será “máis complexa que ao comezo desta crise”.

comentarios