venres 17.01.2020

O sector do mar revóltase contra a lei española que centraliza o espazo marítimo galego

Confrarías, colectivos de mariscadoras e bateeiros, ambientalistas e sindicatos presentan alegacións ao Real Decreto impulsado polo goberno español en funcións e que, apontan, invade competencias galegas como, por exemplo, en acuicultura. “Vemos con desconfianza un novo intento de introducir a piscicultura nas nosas costas”

Entrega de alegacións. Imaxe: @pilaraymara
Entrega de alegacións. Imaxe: @pilaraymara

Esta quinta feira, 15 de setembro, finaliza o prazo de exposición pública do borrador de Real Decreto de Ordenación do espazo marítimo que elaborou o goberno español en funcións, un proxecto do cal o sector do mar galego solicita a súa retirada. Unha petición que fai parte das alegacións que esta quinta feira presentan a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), en nome dunha ampla lista de representados: confrarías, agrupacións de mariscadoras, colectivos mexilloeiros, sectores da frota artesanal, asociacóns ambientalistas. Tamén se suman ás alegacións os sindicatos CIG, CCOO e UXT.

Vemos con desconfianza un novo intento de introducir a piscicultura nas nosas costas

Desde a PDRA explican que as alegacións que presentan a este RD son tanto por cuestións de forma como de fondo. Entre as primeiras, que os propios prazos fixados fan que o Ministerio teña, no mellor dos casos, apenas 48 horas para avaliar as propostas e alegacións achegadas a este Real Decreto. Ou que na exposición pública deste proxecto, en periodo de vacacións, cáese nunha “vulneración do papel da participación cidadá”. Por iso, e outros argumentos, a Plataforma impugna o prazo de exposición e require que se abra un novo. Apontan, a maiores, que un goberno en funcións non pode tramitar este borrador de Real Decreto.

En risco

Mais é sobre o fondo do Real decreto sobre o que se debruza máis detidamente o sector do mar nas súas alegacións. Consideran que a proposta do goberno español supón unha centralización do espazo marítimo galego, pon en mans do Estado capacidade de decisión sobre competencias que son exclusivas de Galiza. Unha cuestión que, afirman os colectivos demanfantes, “ten xerado a alarma entre as organizacións do sector do mar, que vemos con desconfianza un novo intento de introducir a piscicultura nas nosas costas”.

Piden que se garantan as actuais actividadades pesqueiras, marisqueiras e mexilloeiros fronte “á introdución de actividades como instalacións de produción de enerxía, prospección e explotación de petróleo e gas, extracción de materias primas e psicicultura”

A Xunta tivo que retirar este ano a súa proposta de Lei de Acuicultura após o forte rexeitamento que colleitou entre o sector do mar, unha oposición que tivo o seu momento principal na multitudinaria manifestación que o pasado mes de febreiro encheu as rúas de Compostela. Existe temor a que agora eses mesmos intereses que defendía a falida Lei pasen a ser defendidos polo Estado ao se apropiar das competencias en acuicultura.

Por iso, o sector do mar pide nas alegacións que se 'blinde' as augas galegas fronte a posíbeis proxectos extractivos intensivos e que ameacen a actividade pesqueira, marisqueira e acuícola tradicional. “Nos Plans de Ordenación do espazo marítimo de Galiza, polas súas peculiares características, priorizarase e garantirase o exercicio das actuais actividades pesqueiras, marisqueiras e de miticultura (cultivo de mexillón) fronte á introdución de actividades como instalacións de produción de enerxía, prospección e explotación de petróleo e gas, extracción de materias primas e psicicultura”.

comentarios