O sector do mar busca relevo xeracional

Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) continuarán co programa iniciado en 2020 de información e valorización dos oficios do mar en centros de ensino. O obxectivo é conseguir reducir a falta de relevo xeracional, un dos factores que máis preocupa ao sector que ten que procurar man de obra fóra.
Mariscadoras traballando na ría de Arousa (GALP Ría de Arousa).
photo_camera Mariscadoras traballando na ría de Arousa (Foto: GALP Ría de Arousa).

A falta de relevo xeracional preocupa ao sector do mar. Aos problemas propios relacionados cunha actividade laboral dura e que ten nos últimos anos que facer fronte ás estritas regulamentacións das Administracións e un mercado cada vez máis competitivo, tamén se lle engade a dificultade para atopar persoas que continúen cos oficios que fan que o produto chegue ás nosas casas.

"Estamos vendo como non hai continuidade no futuro por falta de incorporación da xente nova", explica María Calvo, oceanógrafa e asistente técnica do programa Relevo2 que puxeron en marcha, por segundo ano consecutivo, os Grupos de Acción Local do Sector pesqueiro (GALP) da Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Mariña Ortegal, Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur e Ría de Vigo-A Guarda. 

Estas entidades idearon un proxecto de colaboración de carácter formativo e divulgativo, coa pretensión de "trasladar  ao alumnado de centros de ensino de Secundaria as posibilidades que ofrece ou sector pesqueiro e marisqueiro na Galiza".

Calvo indica a Nós Diario que as redeiras e o sector bateeiro son algúns dos ámbitos onde teñen constancia da dificultade de atopar continuidade laboral. A información, neste caso é primordial. "Hai certo descoñecemento de que na Galiza contamos con escolas náutico-pesqueiras ou o propio Centro de Acuicultura situado na Illa de Arousa que son referentes europeos", sinala. 

Segunda edición do programa Relevo

Co inicio do novo curso centros de ensino de todo o litoral galego incorporarán esta campaña que, segundo indican desde os GALP, persegue "poñer en valor o sector pesqueiro entre a comunidade escolar en idade de  traballar ou de escoller estudos superiores, valorizar o sector pesqueiro en termos económicos e dar a coñecer a demanda real existente para diferentes postos de traballo no mar e as  saídas profesionais". 

Alén diso, queren ofrecer "unha formación máis cuantitativa, que pretende achegar a realidade do sector en termos de oportunidades laborais", co propósito final de conseguir "captar" persoas que garantan a substitución xeracional. O programa  que ofertan consta de contidos específicos en acuicultura, transformación e comercialización, e turismo. As aulas, que comezarán este mes de setembro, compleméntanse con varias visitas a profesionais do sector e están impartidas por un equipo de docentes expertos en oceanografía. 

As razóns da falta de persoal no sector

A falta de relevo xeracional ten varias causas. María Calvo pon enriba da mesa unha relacionada coa falta de información. "Segue a idea de que o que vale, vale, e o que non, vai para o mar polo que non hai incorporación nova", opina esta oceanógrafa. Porén, hai casos que evidencian unha tendencia que constataron na edición do ano pasado do proxecto "con moitas rapazas e rapaces que tiñan interese en tentar vivir do mar" unha vez que saben que hai certos postos de traballo "con bos salarios". 

Andrés García, voceiro da Asociación de Armadores do Cerco da Galiza (Acerga) en declaracións a Nós Diario, confirma esta situación. "Non atopamos tripulación galega e temos que botar man de estranxeiros que son os que cobren as vacantes que hai", asegura. A maior dificultade téñena "na mariñeiría" ao coincidir que "o armador é o patrón do barco no 99% das veces e ten un técnico mecánico de confianza". Preguntado polas razóns para esta situación é expeditivo e afirma que "a xente non quere ir ao mar, teno como un último recurso" malia que non é unha cuestión de salarios baixos por coincidir que "todos os barcos teñen ese mesmo problema, gañen máis ou gañen menos".

Unha bolsa de emprego en Acerga

O sistema que empregaban para atopar mariñeiros era de maneira informal. A falta de persoal foi a razón pola que na Asociación de Armadores do Cerco da Galiza (Acerga), como parte do seu Plan de produción e comercialización 2020, optaron por crear en decembro do ano pasado unha bolsa de emprego a través do portal dixital www.empleo.acerga.com dirixida a todas aquelas persoas que teñan interese en traballar no sector do cerco, tendo ou non experiencia previa. 

Funciona creando un perfil de usuario que se completa cos datos referentes á formación e traxectoria no sector pesqueiro. Esta información pode ser vista polas empresas que forman parte de asociación para facilitarlles o contacto directo coa candidata ou  candidato para ofertarlle un posto de emprego. 

Comentarios