O sector da imaxe persoal pide a redución do IVE

A Plataforma de imaxe persoal Crer en nós Compostela lembra que en 2012 se lles subiu o IVE de 8% a 21%.
Xosé Antonio, perruqueiro no salón de peiteado Amil cun cliente durante a desescalada (Imaxe: Arxina)
photo_camera Xosé Antonio, perruqueiro no salón de peiteado Amil cun cliente durante a desescalada (Foto: Arxina)

O sector da imaxe persoal pensa mobilizarse en demanda de que se aprobe no Senado a redución do IVE a 10%. Os centros de estética e barbarías reclaman esta medida pola "crítica" situación económica que pasan, segundo afirman nun comunicado desde a Plataforma de imaxe persoal Crer en nós Compostela.

Este colectivo lembra que en 2012 se lles subiu o IVE de 8% a 21%. Un aumento de 13 puntos que argumentaron desde a Administración española “que sería temporal e que a maioría decidimos asumir e non repercutir á clientela” porque, de o ter feito, moitas das persoas non poderían permitirse acudir aos salóns e porque agardaban regresar ao IVE anterior unha vez superada esa crise. 

Promesas incumpridas

Desde esta Plataforma apuntan que en 2017,o PSOE presentou unha Proposición non de lei (PNL) para devolver o IVE reducido, que foi apoiada por Unidas Podemos, PNV e ERC, e aprobada en 2018.

Subliñan que daquela "eran partidos da oposición e curiosamente, eses partidos son os que agora gobernan e non aplican o que daquela aprobaron".

Tamén lembran que o BNG presentou unha emenda demandando que se lles devolvera o IVE reducido, mais denuncian que "volveron votar non", malia a crítica situación que atravesan, xa que, no mellor dos casos, están ao 50% de facturación.

O sector da imaxe persoal salienta algúns dos datos máis destacados dos estudos realizados, segundo os que máis do 20% dos salóns de peiteado, barbarías e estéticas non teñen capacidade de chegar ao Nadal e outro 58% non poderá sobrevivir máis de 6 meses.

Ademais, aseguran que se está a promover a economía somerxida, "porque o persoal que quede sen emprego continuarán peiteando e tinguindo a súa clientela de sempre nas a domicilio".

Comentarios