O sector da distribución de Lugo di padecer “desabastecemento”

O colectivo prevé un mal resultado das festas do Nadal
Xente nun local de hostalaría de Lugo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Xente nun local de hostalaría de Lugo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Antes do que fixaba calquera previsión a nivel global e antes tamén das alertas que lanzaba a patronal do transporte de mercadorías de cara ao Nadal. A Lugo xa chegaron os problemas de "desabastecemento". Así o comunicou esta sexta feira o presidente da Asociación de Distribuidores de Lugo (Adislugo), Eloy García, que explicou que as empresas do sector están a padecer escaseza de bebida de importación, así como vidros e cartóns. 

Desde a experiencia do empresariado lucense, neste momento a distribución carece tamén de viños importados e está a atender os pedidos a través do stock que aínda queda nos almacéns.

O representante vinculou esta problemática "nos subministros", que cualifica de "terríbel", ao atasco de mercadorías que se está a rexistrar no tráfico marítimo mundial pola falta de contedores naqueles portos que precisan enviar produtos de exportación.

O futuro das compañías que forman parte da agrupación e do sector en xeral é "moi incerto". "Malia que este 2021 foi mellor que o pasado, imos fechar cunhas vendas un 20% menores que en 2019", estimou, facendo tamén a ligazón cos efectos da pandemia da Covid-19. 

Neste contexto, o presidente de Adislugo avanza que van ser unhas "malas" festas de Nadal, dado que "podendo vender non se vai poder facer".

"A ver se logramos que se manteñan parte das capacidades", dixo aludindo aos locais de hostalaría e ás medidas restritivas que están comezando a chegar debido á nova onda de contaxios do coronavirus. 

O obxectivo é "traballar en Nadal" e, polo de agora, a Xunta reduce o número de persoas nos grupos dentro e fóra dos locais pero non suprime ningunha capacidade.

Porén, o persoal baixou debido á crise e agora teñen que manter ao resto para atender os pedidos pese a "vender a metade".

Comentarios