O sector cárnico representa 34% da produción agraria

Facturou máis de 2.400 millóns de euros no ano 2022.
Asistentes á xornada decorrida onte en Ribadavia (O Ribeiro). (Foto: Foro Económico da Galiza)
photo_camera Asistentes á xornada decorrida onte en Ribadavia (O Ribeiro). (Foto: Foro Económico da Galiza)

O sector cárnico consolidouse como unha área estratéxica para a Galiza, representando 34% da produción final agraria do país e 1.200 millóns de euros de valor en gando. É un sector que xestiona case 50% da superficie agraria da Galiza, conformado por unhas 43.000 explotacións cárnicas. 

Así o especifica o relatorio "Estratexia de dinamización do sector cárnico da Galiza 2022-2030. Contexto xeral e principais medidas e accións" presentado onte na reunión que organiza o Foro Económico da Galiza cada ano en Ribadavia (comarca do Ribeiro). A xuntanza deste ano, a sétima edición, estivo centrada nos retos do sector cárnico, tanto na súa dimensión nacional como na estatal.

Un total de 40 especialistas xuntáronse en Ribadavia para abordar desde distintas perspectivas as distintas realidades e problemáticas dun sector "primordial, tanto polo volume de facturación como de emprego, así como pola súa tarefa reguladora do territorio".

2.400 millóns de euros

O relatorio de apertura foi presentado por José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, entidade que coordinou a xornada. 

Andrade resaltou o papel fundamental que este sector –principalmente o vacún– desenvolve na xestión da paisaxe e na preservación do territorio, e destacou o seu rol na prevención dos incendios forestais. Ademais, o director da fundación sinalou que o sector cárnico está conformado por 192 industrias que, en total, facturaron no ano 2022 máis de 2.400 millóns de euros

Outras mesas da xornada abordaron os retos e perspectivas de futuro do sector, a produción galega ou as instalacións criadoras de razas autóctonas e as pequenas producións, os problemas aos que se afrontan na actualidade, así como os desafíos do futuro.

Comentarios