O sector bancario fechou 33% das súas oficinas na Galiza en tres anos

O banco Santander, que aumentou os seus beneficios no Estado español en 99% durante os tres primeiros semestres do ano, eliminou 35,8% do cadro de persoal na Galiza desde 2019.
O Santander, que preside Ana Botín, fechou 58,65% das sucursais (Foto: Juan Barbosa / Europa Press).
photo_camera O Santander, que preside Ana Botín, fechou 58,65% das sucursais (Foto: Juan Barbosa / Europa Press).

O aumento dos beneficios da gran banca española, que nos tres primeiros trimestres de 2021 se incrementou 32% interanual, contrasta co fechamento de sucursais xeneralizado das entidades financeiras na Galiza. 

As catro principais entidades do sector na Galiza (Abanca-Caixa Geral, Santander, BBVA e Sabadell) fecharon entre o comezo de 2019 e o principio de 2022 un total de 397 oficinas das 1.167 coas que estas empresas contaban, o que supón máis de 33% das sucursais clausuradas nun período de tres anos.

Santander, entidade que aumentou 99% os seus beneficios no Estado español nos tres primeiros trimestres, foi a que fechou unha maior porcentaxe de sucursais na Galiza, reducindo as mesmas en 58,65%. 

Desta forma, esta firma tan só conserva 153 das 370 sucursais coas que contaba en 2019. En termos de emprego, os fechamentos de oficinas traducíronse na perda de 755 postos de traballo no banco Santander desde o comezo de 2019 até xuño de 2022, unha perda de 35,8% do cadro de persoal na Galiza.

Séguelle na lista o banco Sabadell, que fechou entre o comezo de 2019 e o de 2022 até 40,74% das súas sucursais na Galiza, un total de 44 das 108 coas que contaba tres anos atrás.

En termos de emprego, os fechamentos significaron a perda de 104 postos de traballo, a entidade rebaixou así 22,4% das persoas contratadas entre o comezo de 2019 e xuño de 2022.

Pola súa parte, BBVA fechou até o comezo de 2022 un total de 38 das 154 sucursais coas que contaba a principio de 2019, o que supón un recorte de 24,68% das mesmas. En termos de emprego, a perda de postos de traballo na entidade foi de 221 nes período, un descenso de 23,4%.

No caso da entidade financeira con maior implantación na Galiza, Abanca, fechou até o comezo de 2022 un total de 98 das sucursais coas que contaba a principio de 2019 (incluíndo as de Caixa Geral, entidade que integrou), o que supón unha rebaixa de oficinas de 18,3%. Abanca reduciu nese período 402 postos de traballo (7,4%) no conxunto da empresa. 

Comentarios