O sector agrario galego emprega a oitava parte das persoas que o compuñan en 1976

Nun contexto no que a Galiza ten reducido as persoas empregadas no sector agrario desde 550.000 en 1976 até 67.300 en 2021, investigadores das universidades galegas sinalan as potencialidades da recuperación de terras agrarias para superar problemas das áreas rurais como os procesos de despoboación e os incendios.
Un vendimador transporta nunha caixa parte da colleita recollida no viñedo dunha adega da D.O. Ribeira Sacra, o pasado ano. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Un vendimador transporta nunha caixa parte da colleita recollida no viñedo dunha adega da D.O. Ribeira Sacra, o pasado ano (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Eduardo Corbelle Rico, Edelmiro López Iglesias e Santiago Lago Peñas, investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), xunto con Patricio Sánchez Fernández e José María da Rocha, neste caso da Universidade de Vigo (UVigo), publicaron este ano un artigo na revista Land Use Policy (Políticas de Emprego da Terra) titulado Pondo a terra a traballar: Unha avaliación dos efectos económicos de volver cultivar terras abandonadas.

Os investigadores das universidades galegas afirman que o "abandono de terras agrarias anteriormente cultivadas é un dos procesos dominantes de cambio nas áreas rurais de Europa". "En sistemas agrarios de baixa intensidade nos que os sistemas de cultivo se caracterizaran por un mosaico diverso de usos da terra", como acontecía no sistema agrario tradicional galego, "o abandono está asociado coa perda das tradicionais e ambientalmente valiosas paisaxes agrarias" explica o artigo científico.

"O abandono do solo agrario é en gran parte concentrado nas montañas, nas rexións remotas, ou en rexións onde, por calquera outra razón, a agricultura se converte nun uso menos proveitoso da terra", proseguen os investigadores galegos.

Descenso da actividade agraria na Galiza

Neste sentido, segundo os datos dos Anuarios de Estatística Agraria, a Galiza pasou de ter máis de 550.000 persoas ocupadas no sector agrario en 1976 a ter tan só 67.300 no ano 2021, nun dato, este último, que comprende agricultura, gandaría, caza, silvicultura e pesca. 

Esta diminución de persoas ocupadas no sector agrogandeiro é sinal da caída da rendibilidade do uso agrario da terra na Galiza durante o último cuarto do século XX e o primeiro do XXI. 

"A evolución negativa da renda agraria viuse compensada por unha rápida diminución dos ocupados no sector agrario", explica o profesor de Historia Económica da USC David Soto Fernández. Unha renda agraria que pasou de achegarse aos 3.500 millóns de euros en 1976 (a prezos constantes de 2019) a alcanzar 1.831 millóns de euros en 2019.

Recuperación dos usos agrícolas na Galiza 

No caso da Galiza, conclúen os investigadores da USC e da UVigo, os procesos de recuperación de terras agrarias abandonadas “poden aumentar significativamente o Valor Engadido Bruto da agricultura coma un efecto directo”.

Porén, o efecto económico total, estiman, sería “máis alto debido ao efecto multiplicador que o aumento da produción no sector agrario causaría noutros sectores económicos”. Ademais, "o incremento do efecto sería moito maior se o estimamos a longo prazo", engaden nas súas conclusións.

Non obstante, sinalan, "mentres que o efecto na economía galega sería relevante, este sería moito máis facilmente apreciábel a nivel local". Aínda que os custos totais de desenvolver as políticas de promoción da recuperación das terras agrarias non están calculados nesta investigación, os autores afirman que "os efectos beneficiosos na economía alcanzan un limiar tan considerábel" que o investimento nestas políticas "non tería un custo práctico comparabelmente alto".

Sobre a recuperación de terras agrarias en terreos montañosos, unha práctica que foi historicamente relevante na Galiza durante séculos e que aínda é practicada en determinadas zonas do país, o estudo sinala que "os impactos económicos serían máis significativos". Ademais, explican, "a cantidade de terra dispoñíbel para a recuperación agraria é normalmente máis alta nestas áreas (aínda que a conveniencia para a agricultura sería máis baixa debido aos constrinximentos biofísicos)".

A gandaría extensiva, remarca esta investigación, tamén pode ser empregada en áreas rurais como unha medida "para reducir a vexetación invasiva, para mellorar a diversidade a nivel paisaxístico e para reducir o risco de incendios".

Comentarios