Manifestación en defensa dun servizo de extinción de incendios público e profesional

Máis de 200 traballadores e traballadoras  manifestáronse en Compostela para denunciar a redución do operativo e das contratacións a través de Seaga.

Máis de 200 traballadores de Seaga responderon á convocatoria da CIG-Servizos para manifestarse en Compostela no que é o inicio dunha vaga de mobilizacións e protestas coas quepretenden denunciar que a Xunta intenta evitar a contratación –directa ou indirecta- de persoal con experiencia para non recoñecer a súa condición de fixo descontinuo."Seriamos moitos máis, mais curiosamente para hoxe mesmo convocáronse probas e exames para o persoal", sinalan desde a central nacionalista.

@s manifestantes incidiron na redución do operativo e das contratacións a través de Seaga e que a Xunta optou por contratar, a través de Natutecnia, as brigadas helitransportadas, priorizando o persoal sen experiencia fronte ao que traballou en campañas anteriores. Todo para evitar recoñecer a condición de fixos descontinuos dos traballadores/as.

E todo iso cando se está a pouco máis dunha semana do inicio do periodo de alto risco de incendios forestais.

"O lume non se apaga con precariedade"

 A manifestación, que comezou na Estación de Tren de Compostela para finalizar en San Caetano, sede da Xunta, decorreu a cidade entre petardos, e constantes lemas e consignas coas que se incidía nas principais problemáticas do sector. Desde a de "o lume non se con precariedade até "No forestal, convenio digno xa", pasando polas peticións de dimisión da conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana.

As faixas denunciaban que "os montes queimados e nós desemrpegad@s. Seaga solución", á vez que demandaban "un servizo de extinción de incendios público e profesional".

 Natutecnia

Até o de agora a Xunta contrataba todos os anos, cunha empresa, o servizo de helicópteros e as brigadas que transportaban eran, ou persoal propio da administración, ou persoal de Seaga. Polo que puido saber a CIG-Servizos, para esta campaña as brigadas helitransportadas serán contratadas a través de Natutecnia, que xa colgou a semana pasada, na súa páxina web, unha oferta de emprego para peóns, peóns especialistas e xefes de brigada. E non só iso, xa ten fixada a data na que se realizarán as probas físicas.

A CIG-Servizos denuncia que esta empresa ten a consigna de contratar a xente sen experiencia para evitar que se produzan posteriores reclamacións. Ante isto, Paulo Rubido,  secretario nacional de CIG-Servizos, afirmaba hai uns días que “quen traballe en Natutecnia tamén ten que ter contrato fixo descontinuo”, pero que o que se lle vai realizar é contrato por obra.

O operativo previsto é de entre 150 e 200 traballadores, que cubrirán as bases que estaba cubrindo Seaga. “Esta central sindical ten moi claro que é cesión ilegal e así o vai demandar e entendemos que o persoal que traballou en campañas anteriores en brigadas helitransportadas en Seaga pode exercer o seu dereito a reclamar exixindo a subrogación desta empresa dado que o servizo que se ía facer con anterioridade é o mesmo que se vai facer agora”.

De feito, anunciou que a CIG vai animar aos traballadores de Seaga que formaron parte das brigadas helitransportadas e que este ano non van ser chamados por Natutecnia, a que inicien as accións legais correspondentes tanto contra esta empresa como contra Seaga.


Comentarios