O Santander vende 51% do ladrillo do Banco Popular a Blacksotne

O Fondo estadounidense destinou nestes anos máis de 4.000 millóns de euros a adquirir vivendas no Estado español.

Banco Santander
photo_camera Banco Santander

O Banco Santander logrou un acordo co fondo Blackstone  para se desfacer de gran parte do ladrillo do Banco Popular. Nun feito relevante remitido á CNMV, o Santander informa que transferirá 51% do negocio inmobiliario de Popular, integrado pola carteira de inmóbeis adxudicados, créditos dubidosos procedentes do sector inmobiliario e outros activos relacionados con esta actividade.

A operación realízase coa creación dunha sociedade controlada por Blackstone. A ela traspasará o negocio constituído polos activos antes citados e cun valor bruto agregado duns 30.000 millóns de euros, ao que se suma 100% do capital de Aliseda, a xestora inmobiliaria do Banco Popular.

Coa operación Blackstone faise con 1.158 millóns en activos adxudicados en Galiza, segundo sinala Economía Digital. Ademais, Aliseda, a inmobiliaria do Popular comercializa 7.645 propiedades en Galiza, cun valor en libros duns 1.200 millóns de euros.

Na nova sociedade conxunta Blackstone ten 51% e Santander 49%. Pasa ser a segunda maior inmobiliaria do Estado español, só superada pola Sareb, o ‘banco malo’. É a maior operación de venda inmobiliaria do Estado español e unha das maiores feitas en Europa. Santander recibirá uns 5.000 millóns de euros pola operación.

O fondo de investimento estadounidense posúe máis de 100.000 millóns de euros en activos inmobiliarios. Entre 2013 e 2014 destinou case 4.000 millóns de euros a comprar vivendas no Estado español.

Comentarios