Santa Comba organiza a terceira edición da Feira de Outono

Decorrerá do 5 ao 7 de novembro no recinto feiral.
Unha edición anterior da Feira do Outono. (Foto: ESC) #santacomba #feiradeoutono #empresarios
photo_camera Unha edición anterior da Feira do Outono. (Foto: ESC) #santacomba #feiradeoutono #empresarios

Despois de que a pandemia obrigara a cancelar a edición do ano pasado, unha nova edición da Feira de Outono terá lugar no recinto feiral Santa Comba. A Asociación de Empresarios do concello, principal organizadora do encontro comercial, deseñou un programa de actividades que comezará na sexta feira desta semana, o 5 de novembro ás 17 horas, e se prolongará até o domingo 7.

Nesta ocasión, e co obxectivo de respectar e manter as medidas sanitarias derivadas da pandemia, os oitenta postos que farán parte da Feira de Outono estarán dispostos nunha superficie de 5.000 metros cadrados. 

O recinto tamén contará con controis de capacidade e de seguridade, ademais de maiores distancias entre postos. As expectativas da directiva da Asociación de Empresarios son de que “acudirá moita xente”. Móstranse optimistas polo apoio e a colaboración recibidas por parte de asociados e empresas patrocinadoras da feira.

A feira poderá visitarse a sexta feira de 17 a 21 horas, o sábado de 10 a 21 horas e o domingo de 10 a 20.30 horas.

O obxectivo da organización é que estean representados todos os sectores empresariais de importancia para o concello: automoción -máis de cen vehículos en exposición-, seguros, moda, calzado, gastronomía, seguros, informática.... Outra das características desta Feira de Outono é a aposta polo tecido empresarial do concello. Nas bases do encontro exponse que unha das limitacións entre as participantes é que dous terzos das mesmas “deben realizar a súa actividade comercial no concello”.

Porén, a organización subliña que haberá varios postos de empresas de fóra da Galiza. 

O recinto tamén contará cunha zona infantil para aquelas persoas que se despracen con crianzas. Ademais das diferentes actividades vencelladas co sector empresarial, a organización da Feira de Outono sumará diversas propostas de artesanía e de cultura local para amenizar as tres xornadas.

Levaranse a cabo obradoiros de impresión téxtil e de confección de pulseiras a cargo de El Juguetón, e de creación de broches con ArteSana. O sábado 6 actuará ás 18 horas a Peña de Acordeóns das Clases de Alborada de Santa Comba. A última xornada fechará cun concerto ás 18 horas no auditorio do recinto feiral.

Comentarios