Santa Bárbara: os traballadores voltan a convocar mobilizacións perante o portazo de GD ás negociacións

A factoría de armas da Coruña encamíñase cara ao seu peche, co despedimento dos 180 traballadores. O cadro de persoal exixe da Xunta maior presión. Esta cuarta feira, novas mobilizacións perante o portazo de General Dynamics ás negociacións.

General Dynamics, a multinacional propietaria da factoría de armas Santa Bárbara Sistemas, anulou a reunión prevista para hoxe cos sindicatos. Desde a compañía norteamericana sinalan que a respecto do ERE non hai nada que falar. E esta sexta feira finaliza o prazo para os operarios se acolleren a prexubilacións e baixas incentivadas (que serán superiores aos do ERE de extinción).

Ante este portazo ás negociacións, o cadro de persoal convoca para esta cuarta feira unha mobilización contra o peche da factoría. Aliás, esixen da administración maior implicación no problema, pois entenden que non está a presionar dabondo, tendo en conta  que ministerio de Defensa é o principal cliente de GD e tamén o seu principal acreedor.

General Dynamics European Land Systems quer pechar neste 2013 a factoría de armas coruñesa de Santa Bárbara. Unha decisión que implica o despedimento dos seus 180 traballadores. Esta medida adóptase, indican desde a General Dynamics, no marco do proceso de reestruturación que implica o peche de varias factorías no Estado español e un ERE para 700 operarios.

Desde os traballadores, demandan á Xunta de Galiza que aposte pola diversificación da produción industrial e garanta o mantemento da factoría no caso de que General Dynamics teime en abandonar a súa produción en Galiza. Exixiron das administracións galega e española "o mesmo compromiso político" que o amosado coas factorías da empresa estadounidense en Murcia e Castela-León.

Comentarios