A sangría silenciosa: un barco de pesca menos en Galiza cada tres días

En só unha década a frota pesqueira galega perdeu máis de mil trescentas unidades. De 5.565 embarcacións censadas en 2004 ás 4.204 de inicios do presente 2014. Unha perda sufrida principalmente no sector de baixura, o máis importante para Galiza.

pesca mariñeiros

En só unha década Galiza perdeu máis do 20% das embarcacións da súa frota pesqueira. Unha 'reestruturación', como a cualifican desde as diferentes administracións, sexa europea, estatal ou autonómica; que se levou por diante uns mil trescentos barcos en 10 anos. En concreto, 1.361, segundo os propios datos oficiais da Xunta dispoñíbeis no rexistro de buques pesqueiros.

Así pois, e de media, cada dous ou tres días Galiza tiña unha embarcación pesqueira menos. En 2004 eran 5.565, das cales 4.867 eran do sector de 'artes menores', o tradicional, que faena perto da costa e é o sostíbel ambiental e socialmente. En 2014 hai 4.204 embarcacións. De 'artes menores' ou baixura, 4.017.

Tamén nas pesqueirías comunitarias

Foi, logo, a baixura a máis damnificada por unha política de despezamentos (desguaces) e axudas á paralización da actividade que supuxo que nesta década desaparecesen 850 embarcacións deste sector. Mais a sangría afecta tamén a aqueles barcos que faenan nas pesqueirías comunitarias (en caladoiros da UE), de maior eslora e porte, loxicamente.

En 2004 Galiza tiña unha frota de 144 buques con licenza para faenar nesas zonas. Dez anos despois só fican 87. Unha perda de peso e presenza que deixa un baleiro que axiña é cuberto por frotas doutros estados da Unión Europea.

Segundo dados dos servizos estatísticos da Xunta, os sectores extractivo, acuícola e transformador empregan conxuntamente en Galiza a 38.000 persoas (o 52% do emprego total pesqueiro no Estado español e o 10% no conxunto da UE). Un dado: a produción extractiva galega anual supón, en termos de valor, o 15% da Unión Europea, superando así a produción conxunta de Alemaña, Bélxica, Finlandia, Grecia e Suecia.

 

Comentarios