Estas son as rebaixas que aplican Estados da UE na enerxía

O Estado español mantén o suspense até o día 29 sobre as medidas que vai tomar para conter a crise derivada do conflito en Ucraína, mentres países como Francia, Italia, Portugal ou Alemaña xa anticiparon e mesmo comezaron a aplicar as súas.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, a pasada cuarta feira nunha comparecencia ante a prensa (Foto: Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, a pasada cuarta feira nunha comparecencia ante a prensa (Foto: Europa Press).

O Goberno español está disposto a actuar sobre o mercado enerxético estatal, pero agardará até o día 29 de marzo para comunicar o seu plan, que non se limita unicamente a medidas fiscais. 

Como explicou o presidente Pedro Sánchez esta semana, a idea é actuar sobre o funcionamento do mercado enerxético. Nesta liña, insistiu en desvincular o prezo do gas do da electricidade a nivel europeo en lugar de tocar os impostos, dos que, dixo, "pouca marxe teñen os Estados para compensar e facer un reparto equitativo das consecuencias económicas da guerra".

 Mais esta afirmación quedou en evidencia despois de que outros Estados membro da Unión Europea anunciaran medidas nese ámbito. Italia, por exemplo, acordou onte rebaixar os impostos especiais que gravan a gasolina e o gasóleo, reducindo o prezo do litro de combustíbel en polo menos 15 céntimos.

Xunto a estas medidas, o Executivo de Mario Draghi, avanzara o pasado 9 de marzo un plan de 16.000 millóns de euros para soster familias e empresas por mor do incremento da factura enerxética que contemplaba, entre outras medidas, a eliminación dos cargos do sistema para as persoas usuarias domésticas de electricidade e as empresas, e a redución do IVE a 5% para as de gas. No caso das empresas electrointensivas o plan inclúe ademais un crédito fiscal equivalente a 20% do aumento no custo da enerxía  no primeiro trimestre do ano.

Resto de territorios

En Francia, o Goberno presentou na cuarta feira un plan de 7.000 millóns para familias e empresas que inclúe unha rebaixa de 15 céntimos o litro de gas, gasolina e gasoil que se financiará cos ingresos do IVE. 

En canto á enerxía, as empresas nas que a factura da luz represente máis de 3% da súa facturación terán axudas especiais. Ademais, ofrece a partir de abril 1.ooo euros para mudar as caldeiras de gas e subvencións de 15% a 35% para os sectores máis dependentes das materias primas procedentes de Rusia. 

A pesca e a agricultura, pola súa parte terán axudas especiais, equivalentes, de media, a unha redución de 35 céntimos por litro de combustíbel consumido.

Alemaña, pola vía do incremento de débeda, comprometeu 100.000 millóns de euros a paliar os efectos económicos da guerra, mentres que para corrixir o impacto da suba dos  prezos da enerxía acordou unha dedución na Renda de 38 céntimos por quilómetro ás persoas que teñan que percorrer máis de 21 quilómetros para ir traballar, unha medida á que se podería sumar unha bonificación de entre 30 e 40 céntimos por litro para evitar que os carburantes superen a barreira dos 2 euros.

En Portugal, o Goberno habilitou liñas de crédito para o sector agrícola e rebaixou de 23% a 13% o IVE dos primeiros 100 kw/h de luz consumidos ao mes. 

Bélxica reduciu a 6% o IVE da electricidade e gas; baixou os prezos dos carburantes 17,5 céntimos o litro e deu axudas de 100 euros para as familias máis desfavorecidas, mentres que Polonia rebaixou a 8% o IVE dos combustíbeis e a 0% o do gas. 

Pola súa parte, Irlanda abaratou até setembro a gasolina en 20 céntimos, en 15 o do diésel e 2 céntimos o do diésel verde.

Calendario fiscal

Os grupos da oposición, o BNG entre eles, afeáronlle ao presidente do Goberno español que agarde até o día 29 para anunciar o paquete de medidas fronte a escalada dos prezos da enerxía. Porén, esta decisión podería responder a unha cuestión administrativa, pois o 31 de marzo dáse por fechado o primeiro trimestre fiscal e unha alteración de impostos podería afectar as liquidacións. Ademais, con esta demora, o Estado logra recadar máis nese tempo para financiar despois estas medidas sen recorrer á débeda pública.

En Francia tamén fixeron así. As medidas, que ao contrario que no Estado español xa foron anunciadas, non entrarán en vigor até o 1 de abril, data máis que probábel para que xurdan efecto os cambios no funcionamento do mercado enerxético e o seu réxime fiscal en España. 

Comentarios