luns 18/10/21
Pensar A Galiza pos covid

Salustiano Mato: “Unha sociedade cuxa economía depende dos servizos e do turismo é moi débil ante embates como o desta pandemia”

Salustiano Mato é doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e, tras realizar un posdoutoramento nos Estados Unidos, foi profesor da Escola Técnica de Enxeñeiros Agrónomos de Lugo e na da Facultade de Ciencias de Ourense. Exerce como catedrático de Zooloxía na Universidade de Vigo e publicou máis de 100 traballos científicos. Tras unha paréntese no período 2005-2009, na que exerceu o cargo de director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación na Xunta da Galiza, reincorporouse á Universidade de Vigo, da que foi reitor entre os anos 2010 e 2018. Falamos con el sobre a importancia da investigación na Galiza pospandemia. 
CREATOR: gd-jpeg v1.0 (using IJG JPEG v62), quality = 75

A pandemia puxo de relevo as carencias nos investimentos de investigación e os fondos europeos poderían constituír unha oportunidade para cambiar o rumbo nese campo. Cales serían as prioridades?

Das crises hai que aprender e se algo puxo de relevo esta pandemia é a necesidade dunha aposta decidida polo coñecemento e polas institucións que son creadoras de coñecemento, fundamentalmente as universidades. Nos países que se fixeron esforzos económicos na I+D, os efectos da crise foron menores. Esta é a primeira crise do noso tempo que non ten causas económicas, senón sanitarias, e o resultado é que as consecuencias non se poden abordar, precisamente, por falta de coñecemento, por falta de ferramentas para enfrontar o problema coa velocidade que require a pandemia. Canto máis reforzado estea o tecido galego de investigación, máis preparado estará para crises semellantes que poidan vir.

Temos que conseguir que non quede todo en declaracións baleiras: en momentos como este, todo o mundo se acorda do coñecemento e fala da importancia de investir nel, mais logo non se materializan eses apoios. Isto sucede, creo eu, porque esa necesidade non se vive como unha prioridade, xa non só pola clase política, senón, en xeral, pola sociedade. Non forma parte do debate social. Por iso é necesario que esa discusión se dea non só en épocas malas, mais si ao longo do tempo, que se fale da importancia do investimento en investigación.

A ciencia xa advirte do risco doutras crises vindeiras froito do maltrato ao que sometemos o medio natural. O seu perfil investigador está moi ligado á biotecnoloxía ambiental; non podería ser esa liña de investigación –na que temos unha certa tradición– unha das nosas fortalezas?

O noso problema é que o persoal investigador está envellecendo, que a media de idade dos científicos galegos está aumentando dun modo que nos vai pasar factura no futuro. No sistema galego, a media de idade dos investigadores galegos consolidados está sobre os 40 ou 50 anos. A xente nova tarda moito en poder atopar unha praza fixa. Por unha banda, as axudas a novos investigadores decreceron moito e, por outra, hai unha “fuga de cerebros” real, hai unha gran cantidade de investigadores mozos que emigran a outros países en busca de mellores oportunidades profesionais.

Se hai que comezar agora mesmo por algo é polas persoas. En calquera sociedade do coñecemento, o principal capital son as persoas que xeran ese coñecemento. Precisamos unha aposta decidida pola retención de talento, por reter as persoas que formamos; e tamén por ofrecerlles un futuro mellor a aqueles que marcharon fóra a desenvolver os seus proxectos de investigación, que sen dúbida volverían se atopasen aquí as condicións adecuadas. E neste caso non vale incrementar un pouco o orzamento: temos que triplicar ou cuadriplicar a capacidade de xerar prazas de investigadores, tanto mozos como maiores.

Dispomos de todo un sistema de traballo de acreditación dos méritos e capacidades, mais precisamos conseguir que ese sistema sexa capaz de reter un capital humano que duplique o existente. E iso, para que sexa economicamente viábel, debe facerse cun plan progresivo e plurianual que debería ser un acordo de país. Estas cousas non se fan de golpe, mais si poden planificarse.

Galiza ten moitos grupos de investigación pero parece que case todos están infradotados economicamente. Debería existir unha Axencia de Investigación que coordinase os esforzos dos distintos grupos que están traballando neste momento?

Cando eu estaba no Goberno bipartito, propuñamos unha Axencia de Investigación e Innovación. O que se fixo xa co PP no Goberno da Xunta foi unha Axencia de Innovación, que non incluía a Investigación. A esa axencia, na miña opinión, fáltalle unha pata e, se falta esa pata, a axencia non é completamente rendíbel. Se tes unha axencia que só incide na innovación, estará sempre supeditada ás necesidades do sector produtivo. Iso non está mal e é moi necesario que as empresas teñan ese apoio, mais a investigación pura non só precisa dun lugar polo coñecemento que pode xerar en si mesma, senón porque tamén pode crear unha maior bidireccionalidade entre o tecido de coñecemento e o tecido produtivo.

Na presentación de Galicia Next Generation –a ferramenta creada pola Xunta para acceder aos fondos europeos de axuda–, o presidente Feixoo dicía literalmente que pretendía que a folla de ruta recollese iniciativas adicionais a proposta da Xunta, “pero sobre todo a proposta das empresas, dos clústers, dos investidores e dos actores económicos privados”. Esa pode ser unha proba dese desequilibrio.

Claro, se se fai desde a innovación estase a atender as demandas dos sectores produtivos que se consideran estratéxicos para a recuperación económica, para a creación de postos de traballo… Aí estamos falando de aplicar coñecementos que xa existen no mundo e no mercado, mais falta unha vixilancia que nos advirta de cales son os coñecementos que aínda non existen e que son necesarios para o noso desenvolvemento.

O interesante desta presentación é observar que se conta co tecido investigador dunha forma indirecta: a demanda procede do mundo empresarial e o mundo do coñecemento aparece de forma secundaria. Non sei en que medida se contou cos investigadores para elaborar as propostas, pero vese claramente que o fluxo que as sustenta procede do tecido produtivo. Isto sempre ten un resultado de menor calidade que cando a investigación concorre no proceso sen a demanda previa do sector produtivo, cando o coñecemento xera iniciativas propias que poden mellorar todo o circuíto e que benefician a economía e o coñecemento.

A entrevista na íntegra podes lela no Nós Diario en papel ou na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes facelo aquí: http://bit.ly/3hCH3Qu

comentarios