xoves 03/12/20

Salmond afirma que a frota galega si tería acceso ás augas dunha Escocia independente

O primeiro ministro escocés e líder do SNP foi interpelado pola colaboradora de Sermos Galiza, Pilar Fernández.

Salmond, nun momento da súa comparecencia
Salmond, nun momento da súa comparecencia

A frota galega si teria acceso ás augas dunha Escocia independente, afirmou taxativamente esta quinta feira en Edimburgo o primeiro ministro escocés e líder do Scottish National Party, Alex Salmond.

Salmond contestou neste sentido unha pergunta formulada pola colaboradora de Sermos Galiza, Pilar Fernández.

Portavoces do goberno español teñen posto en cuestión, en conversas co sector pesqueiro, que a fota galega puidese faenar en augas escocesas caso de triunfar o SI no referendo do 18 de Setembro. Iso foi o que deu pé a Pilar Fernández a inquirir a Salmond no encontro que este mantivo esta mañá, no Centro de Imprensa Internacional de Edimburgo, cunha representación da imprensa estranxeira.

O porto de Inverness

A frota galega que faena no Grande Sol si opera nos caladoiros escoceses e con frecuencia utiliza o porto de Inverness, embora as cotas que pode explotar son cativas, cousa da que non se pode responsabilizar ao goberno escocés e si á Unión Europea.

De acordo co Tratado de Edimburgo (2011), Escocia, de votar o seu pobo polo SI o 18 de Setembro, non sería formalmente independente até o 2016, como produto dun arduo traballo de posta ao día das novas institucións soberanas e de negociación con Londres de cuestións tan espiñentas como o status da libra esterlina.

A partir daí o probábel é que Escocia tivese de abandonar temporalmente a UE, co cal as súas augas deixarían de ser formalmente comunitarias

En todo caso, Salmond quixo dar seguridade á frota galega de que os seus intereses non se verían prexudicados de se tornar Escocia un Estado independente.

comentarios