Os salarios recuperan aos poucos o seu peso no PIB

Medran dous puntos en 2020, até o 46%

O sector primario sería un dos beneficiados pola suba do SMI (Foto: Europa Press)
photo_camera A diferenza salarial respecto a UE27 é menor no sector primario. (Foto: Europa Press)

O peso dos salarios no produto interior bruto (PIB) galego sobe por terceiro ano consecutivo. En 2020 representaron 46% deste indicador, dous puntos porcentuais máis que en 2019, pero aínda lonxe de representar o 48% que supuña en 2009.

Así se desprende dun estudo publicado esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que sitúa a remuneración por hora asalariada na Galiza nos 19,1 euros en 2020, o que representa 77% da remuneración por hora na Unión Europea dos 27.

Este diferencial Galiza-UE27, apunta o organismo, reduciuse desde o ano 2000 (cando a remuneración por hora galega representaba 72% da europea) a 2009, exercicio no que alcanzou 81%. 

Desde ese período, indica, o diferencial volveu crecer, e fíxoo a maior ritmo que en Europa e no Estado español, especialmente no período 2000-2010.

Priman os servizos 

Como na maior parte das economías occidentais, a remuneración dos asalariados concéntrase no sector servizos. Con todo, na Galiza o peso do sector servizos é inferior ao dato español ou da UE27.

Pola contra, a achega do sector primario á remuneración das persoas asalariadas na Galiza foi do 2,5% en 2020, porcentaxe superior en máis dun punto á remuneración deste sector a nivel estatal ou europeo.

O estudo do IGE tamén constata que o peso da industria e vai reducindo nos últimos 20 anos, a construción sofre unha caída desde 2007 e o sector servizos non deixa de medrar.

En canto á remuneración das persoas asalariadas por sectores, esta é inferior á media europea en todos eles, aínda que as diferenzas son menores no caso do sector primario, construción e administración pública, sanidade e educación.

No extremo oposto, son "relativamente importantes", segundo indica o IGE, os salarios por hora en sectores como o das actividades inmobiliarias, o das actividades financeiras e de seguros ou o sector da información e das comunicacións.

Por último, o departamento galego de estatística destaca que o incremento da remuneración media na Galiza superou o pasado exercicio o crecemento rexistrado na produtividade e nos prezos, o que provoca que o indicador de evolución do custo laboral unitario real presente un valor positivo.

Comentarios