CLODOMIRO MONTERO, SECRETARIO DE CIG-BANCA

“Os salarios dos altos cargos da banca non son aceptábeis”

CIG denuncia que Abanca manteña 2 EREs mentres paga 1,6 millóns de euros ao seu conselleiro delegado. Clodomiro Montero, secretario nacional de CIG-Banca, critica uns soldos tan altos mentres os traballadores da entidade teñen o seu conxelado.

clodo
photo_camera Clodo Montero

Abanca fechou 2015 cuns beneficios que superan os 315 millóns de euros. Algo que para a CIG casa mal co feito de que manteña activos 2 expedientes de regulación de emprego (EREs). E no sindicato nacionalista aínda é máis incomprensíbel que eses EREs sigan sobre a mesa mentres hai elevados salarios a membros do consello da entidade, referíndose en concreto ao conselleiro delegado Francisco Botas, que segundo estas fontes cobraría 1,6 millóns de euros. Falamos co secretario nacional de CIG-Banca.

-Dous EREs activos nunha entidade vendida polo Estado hai 2 anos e medio e que xera beneficios...

Hai un expediente de despedimento colectivo en vigor que nace do plan fixado en Bruxelas e que contemplaba despedimentos de persoas. A este hai que engadirlle o ERE impulsado pola nova dirección de Abanca e que supuxo unha modificación substancial das condicións laborais e a suspensión dalgúns puntos do convenio. E, ademais, temos o convenio colectivo vencido. En resumo, os traballadores estamos a traballar máis horas e cobramos menos.

-Mentres, como dicides, o conselleiro delegado cobra 1,6 millóns de euros...

E que iso non é normal. Que sexan habituais certos honorarios en altos cargos do sector bancario non pode levarnos a aceptar iso con normalidade. Gañar millóns de euros mentres o salario inicial dun traballador anda polos 18.000 euros. É unha fenda salarial tremenda. Temos os salarios conxelados, complementos que non cobramos, traballamos máis horas, mobilidade por riba do convenio...

-E todo isto nunha entidade rescatada con cartos públicos e que se vendeu hai dous anos e medio asumindo o Estado as perdas...

A entidade malvendeuse. Algún día alguén terá que explicar por que se malvendeu unha entidade con capacidade de xerar beneficios, e o Estado asumindo as perdas. Foi desfacerse dunha entidade cuxos beneficios nos seguintes 2 ou 3 anos xa permiten amortizar a operación aos compradores. E a partir de aí, beneficios... O lóxico sería non se desfacer dela

-Xa van máis de dous anos desde aquela venda de Novagalicia banco e a súa adquisición por un banco venezuelano. Como valorades o que pasou neste tempo?

Ao final, ficou demostrado que todo o proceso de reestruturación do sistema financeiro foi moi caro e, ademais, ineficiente. Hoxe en día seguimos coas mesmas noticias a falar da necesidade de reestruturar o sistema, a economía continúa sen funcionar e o crédito continúa sen fluír. O que realmente se fixo foi afortalar e apostar nun modelo comercial, que é o máis negativo, e non nun modelo no que as entidades financeiras axuden a economía produtiva. O que se fixo foi privatizar e impulsar ese novo modelo financeiro. Algo que non pode máis que ter consecuencias negativas.

Comentarios