O salario medio dun executivo en Galiza case triplica o dun operario cualificado

O soldo medio dun director ou xerente no noso país supera os 51.000 euros, mentres que os dos traballadores cualificados móvense entre os 17.800 e os 19.100, segundo o IGE.

Un director ou xerente gaña en Galiza case tres veces máis que un operario cualificado. Así o indica o documento do Instituto Galego de Estatística elaborado con datos procedentes da Enquisa de estrutura salarial do INE. Un executivo, director ou xerente ten de media uns ingresos salariais brutos de máis de 51.000 euros. Trinta mil euros máis que o soldo dun 'traballador cualificados das industrias manufactureiras e da construción', que é de 19.000 euros. Sempre segundo esta táboa do IGE (que fai referenza o exercicio 2010), un operador de 'instalacións e maquinarias' tería un salario bruto que apenas chegaría os 17.800 euros.

En base a esa estatística, un 'técnico e profesional científico e intelectual' andaría nun soldo bruto de 31.162 euros, namentres que os cualificados como 'técnicos profesionais de apoio' obterían case 25.000 euros. No final da listaxe, as denominadas 'ocupacións elementais', cuns ingresos que apenas superan os 13.000 euros brutos anuais.

Sempre por baixo da media 'española'

O salario medio en Galiza, segundo o IGE, era de 20.242 euros en 2010. No Estado español é de máis de 22.800 euros. Unha fenda que existe en todos os tramos. Así, na categoría de 'director e xerente' o soldo medio é de 51.065 euros en Galiza, mentres que no Estado español é de 56.602 euros.

En 'operadores de instalacións e maquinaria' a fenda é de máis de 2.000 euros (17.800 en Galiza fronte os 20.316no Estado) e en 'traballadores cualificados' esa diferenza ronda tamén os 2.000 euros anuais.


 


 

Comentarios