O rural esixe axudas para incorporar máis xente nova á actividade agraria

O Sindicato Labrego Galego sinala que 60% dos titulares de granxas superan os 60 anos
O conselleiro de Medio Rural, José González, visita unha explotación dedicada á produción de mazás para sidra. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O conselleiro de Medio Rural, José González, visita unha explotación dedicada á produción de mazás para sidra. (Foto: Xunta da Galiza)

A Covid-19 levou moitas persoas a deixar atrás a cidade e a apostar por unha vida no rural. A pesar diso, a actividade agraria segue sen atraer a xente nova. Por este motivo, desde o Sindicato Labrego Galego (SLG) esixen á Xunta que habilite novas liñas de axudas para facilitar o relevo xeracional nas explotacións, cuxos titulares superan en moitos dos casos os 60 anos de idade.

Galiza afronta un reto demográfico importante marcado polo avellentamento da poboación e o escaso relevo xeracional, como evidencian os datos publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que sitúan o saldo vexetativo en negativo, con case 9.000 habitantes menos no país en 2020.

Esta falta de relevo xeracional agudízase no sector agrario. Os últimos datos publicados polo INE, correspondentes a 2016, sobre a idade das persoas titulares de explotacións revelaba que na Galiza só 5,68% tiña menos de 40 anos, mentres que 57,8% superaba os 60 anos. A media de idade das persoas titulares de explotacións agrogandeiras situábase entón en 58,36 anos.

Nos últimos catro anos aprobáronse un total de 1.822 solicitudes de axuda para a creación de empresas para os agricultores mozos, máis coñecidas como axudas de incorporación, unha liña de subvencións financiada polo Plan de Desenvolvemento Rural (PDR). O problema, como denuncia o Sindicato Labrego Galego, é que a Consellaría do Medio Rural que dirixe José González contempla a posibilidade de non convocar as correspondentes a 2021 e que as de 2020 (solicitadas en febreiro) estean aínda sen resolver. 

Axuda inescusábel

Como apuntan desde o sindicato, moitas destas axudas foron para mozos e mozas que  iniciaron unha actividade no rural, unha axuda "de vital importancia" tendo en conta o elevado esforzo, compromiso persoal e recursos económicos que require. 

Neste senso, critican que desde os poderes públicos non se apoie e estimule decididamente a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria. "O que nos deparan os vindeiros anos vai ser unha agudización insostíbel do despoboamento e abandono do rural", advirten.

"Podemos entender que non se convoquen as axudas para plans de mellora ou para pequenas granxas, pero unha axuda tan básica como é a de incorporación de mozos á actividade agraria non. Galiza ten un grave problema co éxodo rural, e feitos como que só optasen ás axudas de incorporación 1.822 mozos e mozas ou que agora non se convoquen en 2021 coa escusa do esgotamento da partida orzamentaria son inxustificábeis e supoñen a expresión do fracaso das políticas agrarias e rurais da Xunta, que están a favorecer que a Galiza sexa cada vez máis vulnerábel e dependente nunha cuestión tan básica como é a alimentación da súa cidadanía", engaden desde o SLG.

Máis orzamento

Ante esta situación, e "de maneira inmediata", desde o Sindicato Labrego Galego esixen á Consellaría de Medio Rural a convocatoria dunha nova anualidade destas axudas ou que prorrogue a orde de 2020, xa que aínda está sen resolver.

E para que isto sexa factíbel piden tamén unha "inxección de fondos" para esta partida que ben podería saír doutros programas do Plan de Desenvolvemento Rural con liñas orzamentarias sen gastar para finalidades "de escasa importancia".

Tamén, xa de cara ao novo período 2021-2027, o sindicato reclama uns orzamentos "claros e suficientes" nas axudas de incorporación, para as que propón progresividade e obxectivos, de tal modo que as persoas beneficiarias se incorporen paso a paso, recibindo a axuda segundo vaia precisando financiamento até un tope estabelecido na resolución.

Outra das súas propostas é adiantar o importe das achegas para axudar a estas persoas cos investimentos iniciais, de forma que non teñan que recorrer a financiamento bancario. Tamén suxiren incorporacións tuteladas que fomenten o relevo xeracional nas granxas nas que non existe, axudas para a incorporación de persoas maiores de 40 anos (límite actual para solicitalas) ou dar prioridade a proxectos agroecolóxicos, baseados na sustentabilidade, na economía local e no comercio de proximidade. 

Comentarios