TERCEIRO DÍA DE TRACTORADA EN COMPOSTELA

O rural cerca a sede da Xunta: “Se non nos defendedes, non nos valedes”

Terceira xornada de protesto en Compostela con centos e centos de tractores nas rúas e, sobre todo, na contorna de San Caetano, rodeada pola tractorada. Feijóo pide “paciencia” e anuncia que os recibirá esta cuarta feira.

tractor poatria

Centos de tractores rodean San Caetano, a sede administrativa da Xunta de Galiza, nunha mobilización coa que insisten en exixir que Núñez Feijóo acepte reunirse e escoitar as demandas dun sector afogado pola crise dos baixos prezos. “Sen gandeiros non fan falta conselleiros”, reza o lema que se ve en folios pegados no cristal de ducias de tractores. “Se non nos defendedes, non nos valedes”, denunciaba esta terza feira ás portas de Carroufour un gandeiro de Arzúa en referencia á Xunta.

A chegada, no serán desta terceira feira, de ducias de tractores a San Caetano provocou momentos de tensión coa policía española. Ao intentar acceder á explanada, os axentes impedírono e cando un axente subiu á cabina dun tractor para instar a parar a un gandeiro, foi apupado ao tempo que se guindaban algúns petardos.

Solidariedade das e dos composteláns

Seguen os tractores nas rúas de Compostela e segue o apoio da veciñanza da capital de Galiza, que aguanta as molestias de retencións e cortes de tráfico asumindo que é por unha boa causa. Non só a Xunta vai estar cercada, tamén o centro loxístico de DIA no polígono do Tambre. Os gandeiros están dispostos a manter as mobilizacións até que se lles dea unha solución. Por volta de 4.000 tractores en Compostela e uns 1.500 en Lugo.

Feijóo pronunciouse esta terza feira. Dixo que o goberno galego “simpatizaba” cos protestos mais pedía “paciencia” aos produtores á vez que anunciaba que antes de que acabe a semana vai haber boas novas.

Mentres, os gandeiros manteñen a mobilización e están resoltos a “ir a por todas”. Ramón Santalla, da Plataforma en defensa do sector lácteo, insiste en que “os políticos teñen que poñerse as pilas e procurar solucións para este problema, que as hai”.

Esta quinta feira prevén unha nutrida manifestación (a pé) pola capital galega e manter o bloqueo dos puntos máis neurálxicos do tráfico compostelá.

Comentarios