O roubo de berberechos estraga un proxecto galego de investigación

Un roubo estraga un proxecto de investigación do CIMA a piques de rematar sobre a loita contra un parasito do berberecho
A conselleira Rosa Quintana durante a súa visita ao CIMA (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera A conselleira Rosa Quintana durante a súa visita ao CIMA (Foto: Xunta da Galiza)

Dous anos de estudo lastrados polo roubo de marisco. Ese é o balanzo denunciado á Garda Civil pola Consellaría do Mar que tivo como botín 5.200 exemplares de berberecho pertencentes a un proxecto de investigación desenvolto polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), segundo detallou onte a conselleira Rosa Quintana na súa visita ás instalacións do centro.

A investigación que se estaba a levar a cabo con estes exemplares formaba parte do proxecto 'Croquedous', que busca obter estirpes resistentes ao parasito Marteilia cochillia, que debilita os moluscos bivalvos, aínda que resulta totalmente inocuo para o ser humano. 

O roubo, ocorrido nunha batea instalada na ría de Arousa, preto de Cambados, supuxo a perda de cinco lotes, un deles formado por individuos de segunda xeración que, de forma natural, parecían resistentes ao parasito. Estes exemplares ían ser utilizados para a creación dunha nova xeración, así como para a realización dunha nova proba de resistencia.

Outros dous grupos estaban compostos por exemplares híbridos de berberecho común e birollo, sendo o único caso no mundo de produción en criadeiro de híbridos entre estas dúas especies, cuns altos resultados de supervivencia. Co roubo, informa a Consellaría, todos eses avances perdéronse.

Proxecto Croquedous

Iniciada en xaneiro de 2019, o Centro de Investigacións Mariñas esperaba concluír o estudo no mes de decembro deste mesmo ano, mais agora vese  obrigado a buscar novas liñas de traballo. O director do centro de investigación, Carlos Gabin, subliñou que "o valor científico deste estudo era incalculábel". "Non existía ningún grupo de investigación facendo o mesmo que nós", indicou con pesar.

Pola súa banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, condenou esta acción, ao tempo que sinalou que este segundo roubo, xa que se suma a outro similar ocorrido en decembro de 2016, "supón perder máis de dous anos de estudo" duns traballos que se iniciaron hai cinco anos.

En declaracións aos medios, Quintana referiuse tamén a fin da "liña de investigación que permitiría a mellora da produción nos bancos marisqueiros da Galiza" e, por tanto, "da economía de millares de persoas que dependen da extracción deste molusco no país".

Comentarios