Ritz-Carlton encarga dous cruceiros máis e mantén a flote a Barreras

A nova propietaria quere resolver "os problemas herdados", entre eles a débeda con Havila

Entrada ao estaleiro Barreras en Vigo (Foto: Europa Press)
photo_camera Entrada ao estaleiro Barreras en Vigo (Foto: Europa Press).

O estaleiro vigués Hijos de J. Barreras quere comezar unha nova andadura baixo o timón de The Ritz Carlton Yatch Collection, a división de cruceiros de luxo da multinacional norteamericana, propietaria do estaleiro. A idea e deixar atrás os "problemas herdados da etapa anterior" e garantir o futuro da empresa. 

Nesta liña, o máximo dirixente de The Rizt Carlton Yatch Collection, Douglas Prothero, anunciou a intención da compañía de construír dous novos buques na grada viguesa, os 'irmáns' do Evrima.

Foi no transcurso dunha xuntanza cos provedores do estaleiro na que Prothero quixo enviar unha mensaxe de "confianza" aos acredores e á industria auxiliar, incidindo no compromiso co estaleiro. A ese respecto, o conselleiro delegado da navieira rexeitou o rumor de que Ritz Carlton só pretenda acabar o Evrima, e lembrou o "enorme esforzo" realizado na reestruturación e adquisición do estaleiro.

Por iso, con respecto ao futuro de Barreras, Prothero confirmou a construción dos dous buques 'irmáns' do cruceiro de luxo que se está a rematar en Vigo (0 1705). "O noso plan é iniciar a construción do 1706 a finais deste ano e comezar a construción do terceiro na primeira parte do próximo ano", avanzou.

En todo caso, insistiu na importancia de rematar o Evrima e lembrou que, unha vez que xa se saldou 50 % da débeda cos provedores deste barco, o pagamento da segunda metade está ligado ao beneficio vinculado ao 'tax lease'. Ademais, subliñou, a 'prenda' sobre os remanentes anunciada "xa está lista para que os provedores se adhiran a ela".

A débeda de Havila

Así mesmo, o novo responsable de Hijos de J. Barreras lembrou que o estaleiro está a traballar para dar solución ao conflito coa armadora Havila (que ten dous proxectos bloqueados na bancada de Beiramar), e que dita solución estará perfilada "cara mediados de outubro". A ese respecto, instou aos provedores a traballar co equipo financeiro do estaleiro no proceso de "verificación" da débeda.

No entanto, matizou que se está a negociar con posíbeis compradores interesados en terminar eses dous barcos. Se esas negociacións non chegan a bo porto, Barreiras despezaraos "para poder dispor de espazo para outros proxectos" que garantan carga de traballo nas gradas do estaleiro vigués.

Comentarios