“Aí temos unha mina; hai tal cantidade de ameixa que para cubrir o cupo apenas precisamos unha hora de traballo”. Así falaba hai uns anos Fran Martínez, un mariscador da ría de Ferrol, a respeito do banco das Pías, naquela altura o máis produtivo en ameixa babosa de Galiza. Lembraba dese xeito unha época, finais da década dos 90 e comezos da posterior, na que aínda non existía clasificación ningunha das zonas de produción –as que entraron en vigor no ano 2006 por orde da Unión Europea- e a extracción de moluscos bivalvos era, segundo os profesionais do sector, un auténtico maná.
Hoxe, probabelmente, a súa percepción sería ben diferente. As limitacións impostas polos niveis de contaminación microbiolóxica –a química tamén, aínda que semella ser menos prexudicial- e o seu impacto na produtividade dos bancos marisqueiros a flote están a levar o sector profesional dalgunhas das rías a esmorecer. Paralelamente, o saneamento segue sen botar a andar nalgúns esteiros malia estar xa rematados os colectores e practicamente toda a infraestrutura de depuración das augas residuais. As rías agardan pola decisión que remate, por fin, coas verteduras urbanos como primeiro paso para o seu saneamento.
[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 237, á venda na loxa ou quiosques e puntos de venda habituais]