Rexeitamento maioritario á proposta de Escrivá de ampliar a 35 anos a cotización das pensións

O Ministro de Seguridade Social afirmaba que o seu departamento estaba a valorar o aumento do período de cotización. As forzas sindicais, excepto CCOO, din que implicaría "baixalas".
O Ministro de Seguridade Social, José Luís Escrivá (Europa Press)
photo_camera O Ministro de Seguridade Social, José Luís Escrivá (Foto: Europa Press)

O Ministro de Seguridade Social, José Luis Escrivá, afirmaba a pasada segunda feira que o seu departamento estaba a estudar elevar de 25 a 35 anos o tempo de carreira laboral que se utiliza para calcular a contía da pensión. Non ofrecía detalles mais tampouco desmentía esta suxestión.

Non é a primeira vez que se expón este tipo de reforma das pensións e xa en 2011 se aprobara que o tempo de cómputo para calcular a pensión medrase dos 15 aos 25 anos, unha medida que acabará de implementarse en 2022.

Reaccións das forzas sindicais na Galiza

Por parte da CIG, á súa secretaria de Organización, Susana Méndez, non lle estrañaron estas declaracións. "Xa dicía que tiña que cotizar toda a vida laboral para as pensións", asegura a Nós Diario. Desde a central nacionalista cren que "non é máis que unha medida nova e igualmente lesiva de reducir as contías das pensións". Razoa que "toda a vida laboral é afondar en reducir a cotización do que se cobrará no futuro".

Méndez afirma que "é unha forma máis de regresión das pensións públicas" que en realidade procura introducir "pola vía disimulada" os plans complementarios que rematarán "na privatización das pensións". 

José Antonio Gómez, secretario xeral de UXT na Galiza, considera que "é absurdo que as propostas que se leven ás mesas de diálogo social as coñezamos polos medios de comunicación". Pensa que "aínda non rematou o período de aplicación que se pactou na reforma das pensións de 2012”, polo que “acaba en 2025" para mudar o cálculo das pensións.

Da proposta do Ministro opina que "implicaría unha rebaixa das pensións cando gastamos menos nelas que outros países" e pon o exemplo de Francia, que é de 4 puntos menos. "Hai que falar de aumentar os ingresos do sistema", explica a Nós Diario, "e quitar os gastos como o das pensións non contributivas, que deberían ir pola vía dos Orzamentos Xerais do Estado", conclúe. 

Polo seu lado, Maica Bouza, secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO, non desbota nada. "De entrada en 2011 apoiamos a ampliación a 25 anos e hai que ver como é a proposta", asegura a Nós Diario. Sinala que que "o aumento dos períodos de cálculo prexudica a quen ten vidas laborais máis longas e beneficia a xente que se expulsa do mundo laboral nos últimos anos da súa vida". En todo caso, Bouza afirma que "hai que agardar a que as poña enriba da mesa para poder analizalas".

Comentarios