A revolución 'biotech' calla na Galiza

Hai quince anos era impensábel, mais hoxe é unha realidade. Galiza é un país punteiro en biotecnoloxía, un sector que xera por volta de tres mil empregos e que nos retorna cada ano centos de millóns de euros. Somos o terceiro territorio do Estado con maior presenza de empresas biotech, xeramos cen patentes anuais e este sector medra ao duplo da media española. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza.

foto3_DuplaEconomia
photo_camera [Imaxe: Uvigo]

4_DuplaEconomiaDesde que o enxeñeiro agrícola húngaro Karl Ereky empregara por vez primeira o termo biotecnoloxía até que hoxe, 2019, cen anos despois, na Galiza ese concepto é xa sinónimo de innovación, desenvolvemento e liderado teñen pasado moitas cousas. De feito, e como recoñecen nomes tan autorizados como o de Carme Pampín, presidenta de Bioga, o clúster tecnolóxico empresarial galego das Ciencias da Vida, até hai apenas unha década era “impensábel” que no noso país puidese acontecer toda unha revolución biotech como a que estamos a vivir.

A biotecnoloxía é a área de coñecemento que emprega o conxunto de técnicas e tecnoloxías que utilizan organismos ou partes deles, así como calquera outro tipo de tecnoloxías e disciplinas que poidan converxer con ela (informática, enxeñaría, robótica, nanociencias, tecnoloxías de materiais, etc).

O sector da biotecnoloxía factura case 300 millóns de euros anuais na Galiza e as empresas do ramo teñen máis de 1500 traballadoras e traballadores, o 36% deles adicados a Investigación e Desenvolvemento (I+D). A este número hai que engadir outras tantas persoas traballando en I+D en biotecnoloxía no ensino superior, entidades dependentes da Administración, etc. En total, pois, por volta de 3000 empregados e empregadas.

Galiza é o terceiro territorio do Estado con maior presenza de empresas biotecnolóxicas, só superada en número por Catalunya e Andalucía. Radiografía Somos un país onde a rede ou ecosistema biotecnolóxico xera por volta dun cento de patentes anuais e onde están o 8,6% das empresas con vínculos coa biotecnoloxía, porcentaxe moi superior ao noso peso poboacional, de PIB e mesmo empresarial no conxunto do Estado. Por poñer un exemplo: en Madrid está só o 8,3% desas sociedades.

Aliás, Galiza medra ao duplo que a media estatal na creación deste tipo de empresas: estamos no 2,1%. Falamos, pois, dun ecosistema biotecnolóxico, o galego, constituído por máis de 60 compañías, unha decena de centros tecnolóxicos, tres fundacións e institutos de investigación, tres universidades e un parque científico. A nosa posición de liderado no Estado vén reafirmada por máis un dado: Somos a cuarta comunidade onde máis proxectos biotech naceron.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios