xoves 01/10/20

A reunión do comité de empresa con Liberty House aclara as dificultades da venda e alerta do "boicot" de Alcoa

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao ten "claro" que a proposta de Liberty House é a mellor saída á situación das factorías. A reunión coa multinacional británica confirmou esta idea, que ten a aprobación do Goberno español e da Xunta mais tamén a sensación de que Alcoa non ten intención de vender.
2020090920265722805
2020090920265723000

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao (Cervo) mantivo esta cuarta feira unha reunión  con representantes de GFG Alliance, grupo ao que pertence Liberty House, na sede de Ignis Energia en Madrid para coñecer de primeira man en que punto están as negociacións para a venda de Alcoa á multinacional británica. Até agora a maior parte da información que transcendeu dos encontros entre ambos os grupos empresariais os últimos días procedía da actual propietaria da plantas de San Cibrao ,polo que resultaba de suma importancia saber do proceso a través dos outros protagonistas. 

Unha negociación difícil

As negociacións entre Alcoa e Liberty House, representada por GFG Alliance, non están a ser doadas. Desde a multinacional norteamericana aseguran que propuxeron a transferencia da planta de aluminio por 1 euro e a resposta foi exixir opcións exclusivas para controlar a refinaría de aluminio de San Cibrao sen comprometer fondos propios para a viabilidade da planta.

Alcoa considera nun comunicado que é "razoábel" a súa proposta na que incluía unha achega de 50 millóns de dólares nun fondo para o futuro da planta, pagar os custos de separar as instalacións de aluminio da refinaría, e un contrato de subministro de alúmina por 5 anos en condicións estándar do mercado. 

O comité ve “claro” o proxecto de Liberty

Ao remate da reunión o comité de empresa de Alcoa en San Cibrao asegurou que o proxecto que lles presentaron os responsábeis de Liberty House para a planta de Cervo era "claro" e "conciso".

O presidente do comité, José Antonio  Zan, explicou que o plan industrial que se lles trasladou na reunión consta de dúas partes, unha de investimento na factoría, "que a deixaría a primeiro nivel á hora de competir co resto das empresas do sector e facendo produtos de valor engadido de moi alta competencia", e outra enerxética. Esta última inclúe plan eólico, solar, de coxeración e de aforros "noutros aspectos" para reducir o prezo da enerxía en Cervo, facelo "moi competitivo" e que a actividade sexa "viábel a longo prazo" na planta.

Mais para Zan o "problema a curto prazo" sería "o contrato de  alúmina, que non o queren (desde Alcoa) aumentar deses cinco anos", así como a posibilidade de os responsábeis de Liberty House poidan ira á planta para revisala "máis de dous días” coa intención de “revisala ben e ver que investimentos máis importantes necesitan". 

Zan valorou tamén que era "un proxecto apoiado por dous Gobernos", tanto o da Xunta como o Executivo central que preside Pedro Sánchez. Por ese motivo cre que "Alcoa debe deixar de pór impedimentos e facer que esta venda frutifique canto antes". 

Da negociación ás trabas de Alcoa

"Calquera proxecto industrial que garanta a continuidade da actividade e os postos de traballo no complexo de San Cibrao será mellor que a opción de fechamento e parada de cubas que propón Alcoa", asegura a Nós Diario Paulo Carril, secretario xeral da CIG. "Polo que sabemos nas conversas con as ambas empresas é evidente que Alcoa está nun proceso de boicot e de querer xustificar con toda a ofensiva mediática que puxo en marcha que non está disposta a vender”. 

Sobre o contido desta xuntanza e en relación coas negociacións con Alcoa, fontes de GFG Alliance consultadas por Nós Diario rexeitaron facer declaracións na xornada desta quinta feira.

O BNG pide intervir Alcoa se for preciso

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, defendeu unha moción na que demandan que se a negociación entre Alcoa e Liberty House fracasa, o Goberno español deberá estar disposto á intervención pública para a nacionalización da factoría e así preservar o emprego.

comentarios