Reunión chave para o futuro de Alcoa en San Cibrao

Empresa, representantes dos traballadores, a Xunta e os ministerios de Industria e Transición Enerxética están chamados hoxe a participar na mesa multilateral de Alcoa, na que tentarán buscar unha saída fóra da vía xudicial.
Traballador de Alcoa nunha manifestación (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Traballador de Alcoa nunha manifestación (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A decisión de Alcoa de recorrer en casación ante o Supremo a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que declaraba nulo o despedimento de 524 traballadores da planta de aluminio primario de San Cibrao (Cervo) volve xudicializar un conflito que leva medio ano sen resolverse. 

Após coñecerse a sentenza, o comité de empresa, a Xunta e o Goberno español amosáronse esperanzados de que a decisión xudicial fixera cambiar Alcoa de parecer e sentara a negociar unha saída, dado que os seus plans, que desde o principio non son outros que os de fechar a factoría e despedir a boa parte do persoal, víronse malogrados polo ditame do TSXG.

Lonxe diso, Alcoa decidiu seguir adiante pola vía xudicial, aínda a costa de aumentar as súas perdas por manter activas as cubas, como lle ordena unha sentenza anterior, e pola folga que manteñen os traballadores e que retén nas instalacións boa parte da produción das últimas semanas. 

A multinacional americana renunciou ao ofrecemento que lle fixeron desde o comité de levantar a folga se accedían a sentar a negociar unha venda, ben a Liberty House, compañía que este verano amosou o seu interese por facerse coas instalacións, ou ben á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), que fracasadas as negociacións de venda entre as dúas multinacionais tentou á desesperada comprar a factoría de Cervo.

Venda ou intervención

Á vista da férrea postura de Alcoa, o Goberno español decidiu convocar "con carácter de urxencia" unha reunión das partes na que porán as súas cartas sobre a mesa. 

Tanto Industria como a Xunta apostan pola vía da venda da factoría a un terceiro, mais Alcoa non parece estar pola labor de cederlle a planta, a única de aluminio primario do Estado español, a un competidor directo. 

Podería entrar ahí novamente a SEPI, retomando a oferta do pasado 27 de setembro, cando Alcoa deu por rotas as negociacións. Incluso a Xunta, con competencias en materia industrial, tería potestade para presentar unha alternativa que garantise a continuidade da actividade industrial na Mariña.

En principio, ningunha das dúas Administracións ten en mente a intervención da factoría, como piden desde o comité e os sindicatos. Tamén desde formacións políticas como o BNG. A Xunta chegou a dicir que era "a peor" das solucións posíbeis, mais a falla de vontade negociadora por parte de Alcoa e a mala fe probada ante o xuíz reclaman de Xunta e Goberno español accións e propostas máis contundentes das levadas a cabo até o momento.

Comentarios