A retirada do rival de Abanca pola rede de Novo Banco non despexa a súa venda

A venda de EuroBic, polo que compiten Novo Banco e Abanca, podería adiar a operación de venda da rede española.
A búsqueda de comprador para EuroBic podería deixar en suspenso a venda a Abanca da rede española de Novo Banco (Imaxe: EuroBic).
photo_camera A búsqueda de comprador para EuroBic podería deixar en suspenso a venda a Abanca da rede española de Novo Banco (Imaxe: EuroBic).

Se hai unhas semanas Abanca figuraba como favorito para facerse coa rede española do luso Novo Banco, agora ten o camiño aínda máis despexado. O chinés Haitong Bank, que ao igual que a entidade galega poxaba pola totalidade da filial española do banco portugués, retírase do proceso e finalmente non fará unha oferta vinculante. 

Esta retirada deixa Abanca como única candidata a facerse coas oficinas de Novo Banco no Estado español, xa que as outras entidades na liza, Eurocaja Rural e Andbank, só poxan polo negocio de banca dixital e banca privada da entidade lusa.

Porén, a operación non está fechada nin moito menos. Segundo apuntan desde medios lusos, a venda da rede española de Novo Banco, formada por 10 oficinas, 180 empregados, 24.700 clientas e clientes, unha carteira de créditos de 1.600 millóns e 1.900 millóns en depósitos, podería supor perdas para a entidade lusa que en última instancia pagaría a poboación portuguesa, xa que o Estado do país veciño controla 25% da entidade a través do Fondo de Resolución, o equivalente ao FROB español. 

Ante este escenario, Novo Banco non desbota outras alternativas, entre elas a de deixar a venda da rede española en suspenso. Isto sería posíbel no caso de que prosperase a integración do seu negocio co do EuroBic

Compra de EuroBic

A entidade, segundo adiantou hai uns días Jornal Económico, está a avaliar a compra do banco no que participa a empresaria Isabel dos Santos, e mesmo tería presentado xa unha "manifestación preliminar de interese" para facerse co seu control.  

Este movemento, que iría na liña fixada polo Banco Central Europeo de realizar integracións bancarias que permitan ás entidades medrar en tamaño e cumprir cos requirimentos de capital, podería levar o fondo Lone Star, que controla 75% restante de Novo Banco, a conxelar o proceso de desinvestimentos actual e estudar unha saída completa do capital unha vez materializada a fusión, xa que lle reportaría moitos máis beneficios. 

Isto deixaría en suspenso a posíbel operación con Abanca, aínda que tamén entraña riscos, pois Novo Banco non é o único interesado. Tamén está detrás da entidade CTT e a propia Abanca. 

A entidade presidida por Juan Carlos Escotet xa se interesara no seu día por EuroBic, aínda que a operación fracasou no último momento polo "incumprimento" das condicións pactadas con anterioridade entre ambas as partes. 

O máximo dirixente de Abanca non agocha o seu interese por medrar no mercado luso, onde conta xa cunha rede de 89 oficinas, após integrar a rede de Deutsche Bank. A compra de EuroBic permitiríalle dar un salto importante no mercado ibérico, moito maior do que suporía a integración da rede española de Novo Banco, operacións que, por certo, poden ser complementarias. 

O que está claro é que Abanca agora non ten rival para facerse coas oficinas da entidade lusa no Estado español. Todo vai depender de se Novo Banco decide seguir adiante coa venda ou agardar ao desenlace da operación con EuroBic, na que terá Abanca como rival e xa non como posíbel aliado.

Comentarios