As restricións da Xunta lastran a venda directa

As grandes superficies de alimentación continúan a súa actividade e aumentan as súas vendas. Pola contra, a produción de proximidade ten cada vez máis problemas para chegar ao público. A imaxe de vivir en tempos de emerxencia sanitaria e decisións contraditorias.
Praza de abastos mercado (Rioboo Prada)
photo_camera Un dos postos da praza de Abastos de Compostela este pasado sábado 21 de marzo (Rioboo Prada)

As medidas para controlar a expansión da COVID-19 entre a poboación galega semellan contraditorias. Por un lado contrólanse os movementos das persoas individuais e prohíbense determinadas actividades ao aire libre cando se manteñen outras como o funcionamento de grandes empresas. Seguindo a liña marcada polo Goberno español, tamén a Xunta da Galiza adoptou decisións que levan á contradición de marcar o futuro dun sector moi débil, mais non menos importante da nosa sociedade: a agricultura de proximidade.

A suspensión das feiras de proximidade sen contar con ningunha alternativa pode ser, unha vez superada a pandemia, a fin de moitas pequenas e medianas explotacións que non contan cos recursos das grandes superficies. Organizacións agrarias como a Federación Rural Galega (Fruga) recriminaron esta medida que deixa agricultoras e agricultores "desamparadas pola Administración, sen poder dar saída aos produtos".

Un exemplo desta situación é o que acontece en Compostela, onde se pechou o mercado de consumo responsábel Entre lusco e fusco o pasado 17 de marzo. "Sentímonos impotentes", explicaba a organización, "o Goberno só permite ás grandes distribuidoras de alimentación abastecer a poboación, namentres pecha os mercados locais, cando son precisamente os que ofertan maiores garantías de seguridade", engaden.

Produtos de proximidade, produtos saudábeis

A decisión da Xunta foi tamén o motivo polo que este pasado sábado se expulsara da praza de Abastos compostelá as vendedoras tradicionais que non contaban cun posto en propiedade ou de aluguer no recinto. "Din de mercar nos supermercados", explica a Nós Diario Lucita, unha vendedora de verduras que conta cun espazo propio e pode seguir vendendo. "De nós non se fala e temos as mesmas garantías, ás nosas aldeas non chegou a infección", engade.

Esperanza é outro caso. Leva moitos anos vendendo queixos de produción propia e tamén doutras explotacións. Explica a Nós Diario que o primeiro sábado após o anuncio do estado de alarma moitísima xente pasou polo recinto para mercar, mais foi só ese día. "O que está pasando inflúe no pequeno comercio", sinala, "se nós seguimos, as granxas seguirán tamén", engade.

Chegar ao público

A decisión da Xunta rompeu o débil fío que unía estas explotacións coa súa clientela. Alberto leva anos dedicado á horta ecolóxica en Lalín e conta tamén cun posto en Compostela. Explica a Nós Diario que a gran dificultade do pequeno produtor é poder chegar á xente. "Estes días a venda a domicilio da praza duplicouse, veñen poucas persoas mais toda a que pasa merca". Explica que se non abren nin mercados nin feiras "non tes como sacar o produto". Sinala que a situación actual, se dura, "vai traer consecuencias após decatarnos de como estamos consumindo, como mercamos". Sobre as decisións que adoptan as autoridades ten claro que "o que nos pase a nós estes días estará na folla 50 de prioridades da administración". 

Comentarios