Os restaurantes poderán incrementar até 50% a súa capacidade

Desde esta segunda feira, os restaurantes galegos poderán aumentar a súa capacidade de 30% do total até 50%.
Restaurantes en Compostela (Arxina).
photo_camera Restaurantes en Compostela (Arxina).

O Centro de Coordinación de Operativa (Cecop) da Xunta da Galiza acordou incrementar a capacidade dos restaurantes e locais de hostalaría até 50% a partir desta segunda feira.

Para facelo, esta entidade, que conta con representantes da Delegación do Goberno español na Galiza, da Xunta e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), ampárase en que "as instrucións publicadas no Boletín Oficial do Estado (BOE) para a fase 2, autorizan aos distantos territorios a modificar o aforamento máximo no interior destes establecementos, ben reducíndoo a 30% ou incrementándoo a 50%".

Así, os locais deberán "manter as medidas de seguridade estabelecidas polo Ministerio de Sanidade" para que favoreza a adecuación hixiénico-sanitaria destes establecementos e garantir a seguridade a traballadoras e usuarias.

Esta ampliación leva tamén unha "especial chamada de atención á responsabilidade dos usuarios de hostalaría e ao 'sentidiño' que se reclama sempre para poder seguir progresando durante esta pandemia" até recuperar unha vida medianamente normal, subliñou Rueda.

Comentarios