A resolución do Supremo complica ás usuarias galegas reclamar polo índice das hipotecas

O Alto Tribunal recoñece a falla de transparencia na aplicación do índice IRPH nas hipotecas, mais non abusividade.
Centos de galegos e galegas teñen as súas hipotecas referenciadas ao índice IRPH (Foto: Arxina).
photo_camera Centos de galegos e galegas teñen as súas hipotecas referenciadas ao índice IRPH (Foto: Arxina).

O Tribunal Supremo vén de recoñecer a falta de transparencia nas hipotecas ligadas ao Índice de Referencia dos Préstamos Hipotecarios (IRPH) por non informar da evolución do mesmo, mais non aprecia abusividade. Esta decisión fecha a porta a posíbeis reclamacións por parte das persoas usuarias, que albiscaban un raio de esperanza de cara a recuperar parte dos cartos destinados ao pagamento das súas letras hipotecarias.

 A Xustiza europea ditaminara o pasado 3 de marzo que o IRPH quedaba sometido ao control xudicial dos tribunais españois, que debían decidir se se trata de cláusulas abusivas incluídas nos contratos hipotecarios.

A maioría de maxistrados coincide en que a sentenza de Luxemburgo non terminou de despexar as dúbidas, sobre todo porque despois de que se fixese pública ditáronse sentenzas contraditorias que anulan o índice en primeira instancia e logo acaba considerándose válido a escala máis local, ou mesmo procesos nos que a cláusula se declara abusiva e nula, decretando a subsistencia do contrato pero de forma gratuíta.

Agora, a resolución do Supremo pode condicionar a admisibilidade dos novos casos, mais os xuíces non dan a batalla por perdida. De feito volveron solicitar ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea que aclare o seu veredicto, xa que este asunto afecta a máis dun millón de familias que afrontan unha media de 165 euros de máis ao mes con respecto a quen ten o Euribor como referencia, o que suma un prexuízo total duns 25.000 euros desde 2004, segundo Asufin.

Afectadas na Galiza

Entre as persoas afectadas hai centos de galegas. Segundo informan a Nós Diario desde a Asociación Galega de Consumidoras e Usuarias (Acouga), foron unhas 700 as que contactaron coa entidade sobre esta cuestión, mais creen que o espectro "pode ser máis amplo".

Á espera de coñecerse o texto íntegro da sentenza, que se redactará nos próximos días, na organización afirman non estar contentos coa mesma. "Está visto que no Estado español a división de poderes non funciona. O poder económico, o poder político e o poder xudicial van da man, e favorecer os consumidores non é o que pretenden", critican.

Desde Acouga admiten que a resolución do Supremo "deixa moi complicado o poder reclamar" por estas cláusulas, que se ben se fixeron máis "en bancos de fóra", tamén existen "unhas cantas" en entidades do país. 

Con todo, afirman que estudarán a sentenza e "darémoslle unha volta" para ver que medidas se poden artellar. O Tribunal Europeo é "a baza" que gardan, "mais non a única", advirten.

Moras e moratorias

Por outra banda, a crise derivada da pandemia do coronavirus levou o Estado español a adoptar unha serie de medidas para non comprometer a economía das familias. Unha delas foi estabelecer unha moratoria de tres meses para o pagamento de hipotecas e préstamos que, segundo os datos de Barclays, deixaron cativos preto de 100.000 millóns de euros que debían cobrar as principais entidades. 

A máis afectada por esta medida foi o Santander, con 17% da súa carteira de hipotecas e 13% da de préstamos afectada por esta moratoria, o que representa uns 64.000 millóns de euros. Detrás estarían Caixabank e Bankia, que fusionados terían unha porcentaxe similar, aínda que menor contía, BBVA e Sabadell.

Moitas das persoas que solicitaron esta moratoria, que se aprobou o pasado mes de xullo, retomaron os pagamentos no último mes. No tempo que desfrutaron dela non tiveron que pagar intereses, nin se lles puido reclamar mora nin modificar ningunha das condicións que pactaran coa entidade. 

Podían accedera a elas persoas en situación de desemprego ou traballadores e traballadoras por conta propia cuxos ingresos diminuíran 40% ou familias nas que a letra e os gastos de subministracións fosen superiores a 35% dos ingresos netos da unidade familiar. 

Medra a morosidade

Á marxe dos cobros que teñen paralizados pola Covid-19, e que non computan neste indicador, a banca está a ver como a morosidade vai en aumento. En agosto, segundo os datos do Banco de España, a falla de pagamento das obrigas financeiras aumentou por segundo mes consecutivo até situarse en 57.970 millóns de euros, 50 máis que en xullo, cunha taxa de 4,74%, en parte polas dificultades económicas que atravesa boa parte da poboación.

Con todo, o volume de cartos en operacións de crédito segue á baixa por segundo mes consecutivo. En agosto, o crédito total diminuíu 0,36%, até 1,221 billóns de euros. O dato que contrasta co do mesmo período de 2019, no que aumentara un 1,92%, como adoita acontecer, polo incremento dos créditos ao consumo para pagar as vacacións.

Respecto das provisións para facer fronte aos impagamentos, en agosto situáronse en 39.046 millóns de euros, 0,34% máis que en xullo e 0,83% por riba do cuberto no mesmo mes de 2019. 

Comentarios