O rescate da concesión de Vulcano pon en risco as indemnizacións

O comité de empresa de Vulcano acusa o Porto de Vigo de torpedear o futuro do estaleiro.
Reunión do comité Vulcano coa Autoridade Portuaria de Vigo (Paula Justo/Europa Press)
photo_camera Reunión do comité Vulcano coa Autoridade Portuaria de Vigo (Paula Justo/Europa Press)

Se o Porto de Vigo recupera a concesión dos terreos do estaleiro Vulcano, actualmente en fase de liquidación, poríanse "en risco" o pago da totalidade de indemnizacións do cadro de persoal. Así o ve o comité de empresa do estaleiro, que acusou ao presidente do Porto de Vigo, Enrique López Veiga, de "torpedear" calquera posibilidade de manter a actividade de construción e reparación naval nas instalacións de Teis. 

O seu presidente, Nicolás Sangabriel (CCOO), após manter, xunto con outros representantes sindicais, unha reunión de máis dunha hora e media con López Veiga, criticou que o Porto non apostase pola vía da "liquidación controlada", tal e como expuxo no seu día a Xunta, e sinalou que "parece que as instalacións de Vulcano en Teis xa teñen un futuro marcado, e non pasa por manter alí a construción ou reparación naval".

Sen apoios

"Ímonos desgustados, non hai apoio. Ímonos de aquí sen solución e sen esperanza", lamentou, após constatar que o Porto de Vigo podería buscar unha solución administrativa a esa concesión, a condición de que se presente "un proxecto relevante".

Sangabriel sinalou que, se tal e como pretende o Porto, dáse por extinguida a concesión, esas instalacións xa non formarán parte da poxa de Vulcano e, por tanto, a administración concursal non poderá contar con eses ingresos para facer fronte as débedas da sociedade. Será "imposíbel" que os traballadores, que son acredores de Vulcano, poidan cobrar integramente as súas indemnizacións (de 20 días por ano traballado) e as nóminas pendentes, advertiron desde o comité de empresa, que lamenta que terían que conformarse coa parte que poida sufragar o Fondo de Garantía Salarial.

Comentarios