Repsol prosegue coa súa actividade na Coruña allea á caída do prezo do cru

A refinaría de Repsol na Coruña dará por concluída esta semana a parada técnica.
Refinaría de Repsol na Coruña (Repsol).
photo_camera Refinaría de Repsol na Coruña (Repsol).

O parón da actividade económica en todo o mundo trouxo consigo un feito histórico. O barril de petróleo Brent, o de referencia nos Estados Unidos de América (EUA) cotizou en negativo como consecuencia da caída da demanda e a falla de capacidade de almacenamento.

Na Galiza, a compañía Repsol conta cunha refinaría na que o cru xoga un papel fundamental, pero como explican a Nós Diario fontes da multinacional, estes centros operan en rede, polo que as variacións de prezo en principio non atinxen a súa actividade. 

De feito, a planta coruñesa case non se viu afectada polo coronavirus. Parte do cadro de persoal realiza as tarefas desde a casa e os que as fan na propia planta, coas correspondentes medidas de protección. Onde si que se notaron as consecuencias da crise da COVID-19 foi nos traballos da parada técnica, iniciados en xaneiro e que contan cun orzamento de 64 millóns de euros para, entre outras cuestións, mellorar a seguridade do complexo e reducir as súas emisións á atmosfera.

Estes traballos víronse interrompidos polo decreto do estado de alarma, pero segundo fontes de Repsol, retomáronse o pasado 11 de abril e está previsto que finalicen esta mesma semana. "Desenvolvéronse a menor ritmo, debido ao estado de alerta sanitaria e ás medidas preventivas adicionais a un estado normal", apuntan desde a compañía. 

O que tamén tivo que parar, e de momento sen data para retomar os traballos, é a obra mariña no porto exterior da Coruña para a construción do dique de atraque de Repsol. A petroleira e Sacyr, adxudicataria do contrato, acordaron suspender temporalmente a actividade "garantindo que a obra queda nas condicións de seguridade adecuadas".

O novo pantalán petroleiro, que comezou a súa construción en 2018 cun orzamento de 25,4 millóns de euros, tiña un prazo de execución de 16 meses, polo que os traballos deberían estar listos este verán. Agora, coas obras paralizadas polo decreto de estado de alarma, a súa finalización dependerá dos plans do Goberno español para facilitar a volta á actividade das empresas.

Até entón, a compañía seguirá axilizando os trámites para iniciar canto antes as obras do poliduto, que conectará o novo punto de atraque dos petroleiros en Langosteira coa refinaría coruñesa.

Baixa o prezo do cru, mais non o dos carburantes

Pero, se baixa o prezo do cru, por que non o fai tamén o da gasolina? Como indican a Nós Diario fontes da Asociación de Operadores Petrolíferos (AOP), as variacións do prezo do petróleo nunca se van reflectir na mesma proporción nos prezos dos carburantes, xa que se trata de mercados diferentes. Na fixación do prezo da gasolina e o diésel inflúen outras variábeis, como o custo do refino, os impostos, que representan na actualidade máis da metade do que pagan as consumidoras, e outros custos fixos, como os de loxística, punto de venda ou comercialización, entre outros, que non variaron a pesar de caer 80% a demanda.

Con todo, apuntan que a situación actual "non é comparábel con ningunha do pasado", o que complica calquera análise "por falla de referentes".

Comentarios