Sector en auxe

O renacer das oliveiras galegas

Os achados realizados polo grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galiza do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) permitiron a catalogación das primeiras variedades autóctonas de oliveira. Un descubrimento histórico que sitúa Galiza no mapa do aceite. Eis un extracto da reportaxe que publicamos no Sermos Galiza 282.

[Imaxe: AEMO] Oliveiras
photo_camera [Imaxe: AEMO] Oliveiras

5Renacen no país as oliveiras da man da ciencia e da tradición. O recoñecemento oficial de dúas variedades propias do país, a Brava e a Mansa galega, vén de abrir unha porta de futuro: a posibilidade de producir aceites de oliva únicos no mundo, cultivados no país e comercializados baixo unha denominación de orixe. Un rexurdimento que, segundo as primeiras investigacións, conta cos ingredientes idóneos para se consolidar.

“A oliveira aquí dáse, temos un solo distinto e o aceite que estamos sacando, é completamente distinto. E de moita calidade”, explica José Antonio García Martínez, presidente da Asociación de Produtores de Aceite e Oliva de Galiza (APAG). Conta na actualidade con 102 persoas asociadas que, entre elas, suman unhas 113 hectáreas e 130.000 oliveiras cultivadas no país.

“Na Galiza non temos grandes terreos, non podemos competir en cantidade, pero si en calidade. Estámolo a recoller a man, en verde, para gardar todo seu sabor”, conta sobre as primeiras experiencias, que agora contan co aval científico. “A investigación das especies autóctonas supuxo case todo. Cando se puxeron en contacto case hai tres anos, estabamos pelexando por dar a coñecer as oliveiras galegas, pero era imposíbel”.

Sen nome, non existían. Foi o traballo realizado polo grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galiza, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), con sede en Pontevedra, o que permitiu cambiar a percepción sobre a oliva no país. Durante os últimos anos, baixo a dirección de Carmen Martínez Rodríguez, analizaron centos de oliveiras galegas que permitiron o recoñecemento das dúas variedades autóctonas. “Comezamos a investigación a partir dun traballo sobre produtos galegos saudábeis. Queríamos facer un estudo sobre semente de aceite de uva e contactamos cunha empresa que estaba a investigalo. Propuxeron facelo tamén coas oliveiras e aceptamos, malia que en principio non era a nosa vía principal. Pero coas primeiras mostras, logo dun ano máis ou menos, decatámonos de que era un tema con moito percorrido a nivel científico e con moito interese comercial”, apunta a directora do traballo, en declaracións a Sermos Galiza.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 282, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais do país]

Comentarios