A reivindicación dunhas “pensións dignas” volve resoar nas rúas galegas

Centos de persoas xubiladas e pensionistas secundan a chamada da CIG en defensa do sistema público de pensións.

pensionistas pensóns imaxe de ruben cela
photo_camera Imaxe @rubencela

Centos de persoas toman parte esta terza feira, día 27, nas concentracións e mobilizacións convocadas polo colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG na defensa dunhas prestacións “públicas e dignas”. Os protestos desenvólvense en nove cidades galegas e fan parte da campaña que o sindicato nacionalista empezou a finais de 2016 para reivindicar “emprego, salarios e pensións dignas na Galiza”.

Perto de 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo

Vigo, Lugo, Compostela, A Coruña, Pontevedra, Ferrol, Vilagarcía, A Estrada e Ourense son os lugares das mobilizacións, ans que se criicou a política de recortes impulsada polo PP nos gobernos español e galego, para alén de defender o sistema público de pensións,  que se garanta o seu poder adquisitivo e para exixir que as pensións mínimas sexan iguais ao Salario Mínimo Interprofesional. 

O colectivo denuncia que coas sucesivas reformas aprobadas tanto polo PSOE como polo PP, durante varios exercicios non se revisou o importe nominal das pensións, ou fíxose por baixo da inflación, até "que en 2013 o PP eliminou a lei que establecía o IPC como referente, promovendo un duro recorte que nalgúns casos pode reducir até en 20% as futuras pensións, a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida".

Asegura que estas reformas complican cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, diminúen as contías das pensións de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación. "Como resultado, na actualidade temos un maior empobrecemento das persoas pensionistas", salientan. De feito, perto de 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo e seguen aumentando as diferenzas, como o demostra que as pensións na Galiza estean máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado español.

Comentarios