Os 'reis' do Ibex 35 só tributan 12 euros de cada 100 que gañan

@s propi@s técnic@s do Ministerio de Facenda avogan por elevar ao 35% o imposto de sociedades para empresas con beneficios por riba do millón de euros

Ibex35
photo_camera Ibex35

Os grandes grupos empresariais tributaron en 2012 (datos provisionais) pouco máis de 14 mil millóns de euros. Unha cifra que representa apenas o 12,5% dos seus beneficios. "Farangullas", como manteñen desde o sindicato de técnic@s do Ministerio de Facenda, Gestha.

Así pois, de cada 100 euros que gañan estes grandes conglomerados, entre os que están os 'reis' que copan o Ibex 35, pagan a Facenda menos de 13 euros. Unha porcentaxe, iso si, superior á que tributaban en 2011, cando grazas á reforma impulsada por Zapatero abonaban só o 3,5%. Mais inferior, "moi, moi inferior", ao que deberían pagar e máis aínda en época de crise, consideran os expertos en tributos.

Desde os técnicos de recadación consideran que é máis que "xusto e necesario" aplicar un imposto de sociedades do 35% para aquelas empresas que sobrepasen o millón de euros de beneficios. "É un baremo en consonancia co que é normal a nivel europeo e dentro dun criterio de redistribución sobre o que se asenta calquera estado mínimamente democrático", entende Julio González.

Desigualdades ferintes

Hai exemplos de desigualdades ferintes, mesmo entre as empresas. "O tipo medio efectivo das sociedades cunha facturación superior os 1.000 millóns de euros non chega ao 17%, o impuesto de sociedades sitúase no 30% para as que ingresan máis de dez millóns, mentres que unha empresa con menos de 60.000 euros de ingresos paga por riba do 22%". Falando en prata: que as grandes corporacións en volume e beneficios tributan a tipos máis baixos que as pequenas e medianas empresas.

O imposto de sociedades e a súa escasa capacidade recadatoria é, quizás, un dos problemas, con maiúscula, do sistema tributario do Estado español. Mesmo unha das causas principais do défice público. Entre 2006 e 2011 o peso deste tributo reducíuse en máis dun 68%, según os propios datos do goberno español. Reducíanse os tributos á par que aumentaba o recurso a paraísos fiscais (empregados polo 94% das empresas do Ibex 35).

Sacan proveito sempre

O economista Manuel Lago, autor de O imposto de sociedades, principal responsábel da crise fiscal española, considera que o problema do défice público non ten a súa orixe tanto no gasto público, senón na recadación, que "está explicada pola caída do imposto que grava o beneficio das empresas, que se desploma até se converter nunha figura que vai camiño da irrelevancia".

Tirado do Sermos Galiza número 59

Comentarios