Reganosa cambia á consultora de Marta Fernández Currás

A firma de Mugardos, controlada pola Xunta e o Grupo Toxeiro, cambia de auditor en plena batalla coa CNCM.

Reganosa instalacións
photo_camera Instalacións da planta de Reganosa en Mugardos [Imaxe: Reganosa]

Reganosa cambia de auditor. Desde mediados de outubro, KPMG deixa de traballar para as firmas que integran o holding do grupo enerxético galego. Tomará o relevo EY (antiga Ernst&Young), á que se sumou na primavera de 2017 a ex conselleira de Facenda da Xunta Marta Fernández Currás.

O cambio afecta á matriz do holding constituído en 2018, Reganosa Holdco, controlado pola Xunta e o Grupo Toxeiro, e ás filiais Regasificadora del Noroeste, Reganosa Asset Investments e Reganosa Servizos, nas que tamén están representadas a xaponesa Sojitz e a arxelina Sonartrach.

A modificación, da que dá conta o Boletín Oficial do Rexistro Mercantil, prodúcese nun momento complicado para a planta regasificadora, coa súa legalidade en cuestión e cun conflito aberto coa Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) polos recortes na retribución das actividades do sector gasista.

Reganosa fechou 2018 cun beneficio neto de 12,2 millóns de euros e unha facturación de 56,5 millóns de euros.

Comentarios