INDUSTRIA

Perda de dereitos para as 12.000 traballadoras da conserva

A CIG denuncia como gravemente lesivo para os milleiros de operarios da conserva na Galiza o convenio colectivo subscrito polos sindicatos estatais e a patronal. A central nacionalista alerta que o acordo asinado, que rexerá ata o 2014, implica  recortes de dereitos laborais para as traballadoras dun sector clave no tecido industrial costeiro

conserva cig manifestacion industria sindicato convenio
photo_camera conserva cig manifestacion industria sindicato convenio

 CCOO e UGT asinaron coa patronal un acordo que o vindeiro mes de maio, coa súa ratificación, converterase no novo convenio colectivo para a industria conserveira, que en Galiza emprega a 12.000 traballadoras e traballadores, o 80% dos existentes neste ramo no Estado. Un convenio, alertan desde a CIG, que supón unha volta atrás en moitos dereitos laborais gañados polos operarios dun sector no que a inmesa maioría son mulleres. Rosa Abuín, da Federación Galega da Alimentación da CIG, denuncia que “nese acordo hai puntos que van alén da propia reforma laboral” e pon o exemplo de que se permite fixar quendas de traballo nas fins de semana, domingos incluídos. Tamén critica a CIG a distribución das bolsas de hora de traballo, que van en detrimento de dereitos gañados. Son só dous aspectos negativos, sinala Rosa Abuín, dun convenio cuxa aprobación por CCOO e UGT mesmo ten xerado malestar entre delagados da conserva das centrais estatais. Pero hai máis, inciden desde o sindicato galego, coma que o incremento salarial sexa do 1,5% o ano 2011 (perdida de salario de 1%, pois o IPC foi en Galiza de 2,5%), mentres que para os vindeiros anos é dicir 2012-2013 e 2014, será dun 1´30%.

 Todos estes aspectos, e outros máis contemplados no convenio, van supor unha importante precarización das condicións de traballo de milleiras de operarias galegas dun sector, o conserveiro, fulcral en moitas vilas costeiras da Galiza, sendo en non poucas delas a única industria existente con man de obra feminina.

 Conscientes das consecuencias as operarias da aplicación do novo convenio colectivo, a CIG está a sentar as bases unha campaña nacional que desenvolverá nas vindeiras semana, centrada en asambleas de delegados da conserva para informar das consecuencias do convenio e no contacto directo coas traballadoras do sector, e non se descartan movilizacións. Aliás, Rosa Abuín informa que a CIG mesmo está a avaliar a posibilidade de presentar un contencioso, pois o convenio asinouse á marxe da mesa de negociación da conserva, onde a central nacionalista ten representación.

Comentarios