As administracións dispararon a obra pública na Galiza cos ollos postos nas eleccións

Xunta, concellos e Goberno central licitaron proxectos na Galiza por máis de 450 millóns de euros entre xaneiro e abril deste ano. Pontevedra e A Coruña concentran o 90% do investimento.

Obra pública


A carreira electoral disparou os recursos que as administracións destinan a obra pública. Xunta, concellos galegos e Goberno central licitaron entre xaneiro e abril deste ano proxectos por valor superior a 450 millóns de euros, máis de tres veces do investido no mesmo período en 2014. Case nove de cada dez euros foron destinados a obra civil, segundo cifras dun informe da patronal de grandes construtoras Seopan. 

O maior aumento rexistrárono as administracións gobernadas polo Partido Popular. Significativo o incremento do Executivo de Madrid, que multiplicou por seis os investimentos en obra pública na Galiza, con 298 millóns de euros, un 66% do total, nos primeiros catro meses de ano.

Xunta e concellos aportaron cantidades próximas en materia de infraestruturas cara aos comicios municipais de maio, con 77 e 75 millóns respectivamente. Porén, os fondos autonómicos creceron un 300%, fronte á unha alza menos profunda dos consistorios, que aumentaron en 12 millóns o gasto. 

Por provincias, Pontevedra e A Coruña concentran a maioría -case un 90%- dos investimentos en obra pública durante o primeiro cuadrimestre de ano. Nas catro provincias galegas houbo un aumento significativo dos recursos para licitacións a respecto de 2014, sempre segundo dados de Seopan.

Pontevedra: 210 millóns de euros

A provincia con maior gasto, que se multiplicou por catro en relación o ano pasado. Boa parte dos investimentos foron do Goberno central, con 150 millóns fronte aos 21 de 2014. Tamén a Xunta redobrou os esforzos en Pontevedra: de 11 a 44 millóns este curso. Os concellos pasaron de 11 a 15 millóns.

A Coruña: 192 millóns 

Caso similar rexistou a provincia coruñesa. Os fondos provenientes de Madrid foron cinco veces superiores, de 26 a 132 millóns. No caso da administración autonómica, o incremento non foi significativo, mais si nos municipios, que investiron 44 millóns de euros, cifra moi superior á rexistrada noutras provincias.

Lugo: 23 millóns

Os recursos destinados obra pública foron principalmente locais –algo máis da metade do total - perante a escasa achega dos Executivos central e galego. Porén, as partidas da Xunta aumentaron de 728 mil euros a case 7 millóns. O goberno de Mariano Rajoy duplicou o gasto de 2014.

Ourense: 12 millóns

Os concellos ourensáns foron os únicos que rexistaron unha queda dos investimentos nesta materia. Igual que a administración central, que rebaixou notabelmente os fondos. Contrasta co incremento do goberno de Núñez Feijóo, que financiou obras por valor de 10 millóns, dez veces máis que no pasado curso, e a práctica totalidade dos investimentos en Ourense.

 

Comentarios